Celso Dourado destacou como novidade que “esta vez o concerto vai celebrarse o sábado, e non o domingo como ven sendo habitual, xa que tivemos que adaptarnos a programación de Uxía”. O artista barreirense quixo subliñar a “importancia desta actividade, xa que Uxía é a voz deste país. É unha cantante e cantautora moi recoñecida, cunha traxectoria incualificable, que unha vez que visitou o Eido decidiu comprometerse de forma totalmente gratuíta e altruísta para abrir algunha das tempadas musicais do Eido Dourado”. Un compromiso que “este ano non puido cumprir por problemas de axenda que lle impediron estar na presentación da tempada a finais do pasado mes de xuño, pero que finalmente resolveu para poder estar o próximo sábado, 12 de xullo, no inicio dos concertos”. Un feito que para Celso Dourado “da mostra da súa talla moral e da súa calidade como persoa e como artista”.
Uxía Senlle estará acompañada polo guitarrista Sergio Tannus, “un músico brasileño ou brasilego como a el lle gusta que lle chamen”, recorda o responsable do Eido Dourado. Os dous presentarán un concerto “sentido”, en palabras da propia Uxía, que se levará a cabo á noitiña. “Eliximos este momento porque é cando precisamente o xardín do Eido combina mellor a luz natural, coa iluminación que ten”, afirma Celso Dourado.
O evento contará con entrada libre e gratuíta, se ven Celso Dourado aproveita a ocasión para aconsellar aos veciños que “quen queira asistir, canto antes se acerque mellor, xa que o xardín conta cun aforo limitado de 170 persoas sentadas, e como moito 200 en total”.