Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños de Barreiros sacan á luz a antiga ermida de Santo Estevo do Ermo agochada pola maleza dende había décadas

ermita-antiga-barreirosBarreiros, 29 de xullo de 2014.- Despois de varios días de duro traballo rozando no monte, os resultados non puideron ser mellores; debaixo do gran abrigo rochoso, preto de onde mana a fonte de Augas Santas, foi localizada a antiga ermida de Sancti Stephani de Aquis Sanctis, é dicir, de Santo Estevo de Augas Santas ou Santo Estevo do Ermo, como se coñece na actualidade.

Grazas á roza da maleza, os veciños localizaron os muros da antiga ermida (século IX) e o que poden ser as casetas onde vivían as ermitás de Santo Estevo. O 25 de febreiro de 1699 foi enterrada Dominga Salgueyra, a derradeira das ermitás que viviron neste lugar, no cemiterio de Santo Estevo. O mencionado cemiterio tamén foi localizado, como o proba a existencia de varias tumbas situadas no talude que deixou a apertura dunha pista feita hai doce anos para sacar madeira.

Tras a solicitude da Irmandade Santo Estevo e de MariñaPatrimonio, os restos do antigo Santo Estevo foran incluídos por Patrimonio en 2013 no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Aínda que daquela resultara imposible acceder aos restos debido á maleza, a documentación antiga e o testemuño dos veciños confirmaban a existencia deste xacemento.

A roza que se realizou recentemente neste sitio arqueolóxico contou coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e do propietario do monte, a quen lle agradecemos a súa boa disposición e a súa colaboración.

Os montes de eucalipto que rodean a actual capela e a súa fraga están totalmente abandonados. A abundante maleza pon en perigo, en caso de incendio forestal, este espazo natural, cultural e relixioso. Este perigo foi o que moveu aos veciños e ás asociacións Irmandade Santo Estevo e MariñaPatrimonio a asumir a limpeza do monte.

Con este redescubrimento sae á luz un importante patrimonio, que merece ser estudado e conservado en beneficio de toda a sociedade. Sería desexable que as administracións públicas se implicasen máis na súa recuperación; mentres isto non ocorra, veciños e asociacións seguiremos dando pequenos pasos para pór en valor o noso patrimonio.

Exit mobile version