Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga afirma que “o PP prepara un pucheirazo para as municipais coa súa proposta de reformar a Lei Electoral

Lugo, 3 de xullo 2014.- O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, acusou este xoves ao PP de estar preparando “un pucheirazo” para as eleccións municipais do vindeiro ano coa súa proposta de que goberne a lista máis votada. Veiga afirmou que o PP quere “cambiar a lei en beneficio propio, non en beneficio da democracia nin da cidadanía”, senón para “blindar e perpetuar no poder aos seus alcaldes con independencia do que a xente vote”, criticou.

A proposta do presidente do PP, Mariano Rajoy, de elección directa de alcalde implica a posta en marcha do modelo de “alcalde-caudillo” e “a negación da pluralidade democrática coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas diferentes que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade”, afirmou Antonio Veiga, que asistíu esta mañá diante da Deputación á concentración en apoio aos traballadores e traballadoras de Urbaser en folga pola recollida de lixo en Lugo.

O vicepresidente da Deputación acusou ao PP de querer “lograr co BOE o que non consegue coas urnas” e negou que o feito de que goberne a lista máis votada non aporta estabilidade, como di o PP, senón que “crearía inestabilidade e ingobernabilidade”, dixo. Veiga puxo como exemplo a propia institución provincial, que, coa proposta do PP, estaría presidida por Elena Candia, pese a non ter no pleno a maioría necesaria para poder gobernar. “A lista máis votada pode ser minoría, como sería este caso”, xa que só conta con 12 dos 25 deputados provinciais. “Con que apoios gobernaría Elena Candia ou con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría na cámara municipal?”, pregúntouse Antonio Veiga, que defendeu que “os pactos democráticos e lexítimos entre distintas formacións para gobernar as institucións aportan estabilidade e pluralidade e evitan caudillos tipo Cacharro ou Baltar”, afirmou.

“Ataque á democracia”
Antonio Veiga dixo que “o PP propón esta reforma da Lei Electoral en beneficio propio, non en beneficio da democracia ou da cidadanía”. “Faino para seguir no poder, quere cambiar a lei para poder salvar a derrota segura de moitos alcaldes do PP nas eleccións municipais do vindeiro ano, fai trampa á desesperada para poder seguir no poder”, asegurou.

Para o vicepresidente nacionalista da Deputación a proposta do PP “é un ataque máis á democracia municipal, no nivel máis próximo á veciñanza, xusto ao tempo que coa Reforma Local o PP limita as funcións e competencias dos propios Concellos”, lembrou.

Feijóo VI, ‘O adiantado’
O vicepresidente da Deputación de Lugo criticou tamén o “seguidismo” que está a facer desta proposta de Rajoy o presidente da Xunta, a quen calificou de “Feijóo VI, O adiantado” porque “abriu este camiño coa proposta de reducir o Parlamento Galego”. “Feijóo utiliza a crise como coartada para todo tipo de recortes, sociais, de servizos públicos, e tamén recortes na democracia, como a da redución de deputados no Parlamento Galego ou esta da elección directa do alcalde da lista máis votada”.

Antonio Veiga dixo que “a intención última do PP é a de eliminar a pluralidade política e camiñar cara un sistema de elección presidencialista como primeiro paso para desmantelar os parlamentos”. “Se quixeran reforzar a democracia directa reformarían a Lei Electoral para eliminar o sistema D’Hont que pervirte o sufraxio directo dos cidadáns beneficiando aos dous grandes partidos en detrimento da pluralidade política”, afirmou. “Pero en vez de eliminar a lei D’Hont para que a cidadanía verdadeiramente decida co seu voto pretenden incluso reforzala con esta reforma”, denunciou.

Exit mobile version