Site icon Crónica3.com A Mariña

Vicepresidencia da Deputación promove o programa ‘Mo-vémonos’ como aposta por achegar o benestar ó rural lucense

Lugo, 10 de xullo de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, presentou, este xoves, o programa “Mo-vémonos”, unha iniciativa que promove a área de Benestar Social e Deporte da institución provincial e que consiste nun programa de actividade física moderada dirixido a colectivos de distinta índole afincados en concellos do rural lucense, o que en anteriores edicións se desenvolveu baixo o nome de Todos a xogar ou Tempos. Un servizo co que, segundo explicou Antonio Veiga, “cubrimos unha demanda existente por parte das asociacións dos concellos da provincia: achegar a todas as parroquias do rural servizos dos que unha persoa que vive na cidade ou nunha vila grande dispón”.

Durante a súa intervención, Veiga explicou que “a posta en marcha deste servizo é a expresión das principais liñas de traballo da Vicepresidencia da Deputación durante estes últimos anos, nos que tentamos que todo o noso traballo vaia dirixido a mellorar o benestar dos colectivos en risco de exclusión, para os que outras administracións, nomeadamente a Xunta de Galiza, seguen a reducir o seu apoio económico”.

“Nós cremos – continuou o vicepresidente- que a provincia de Lugo ten que ter un trato discriminatorio favorable para compensar as desvantaxes que sofre fronte a outras partes do país. Neste traballo está a Deputación batallando en solitario fronte á incompetencia e esquecemento ao que nos ten sometidos o goberno de Núñez Feijóo, que lle afasta cada vez máis os servizos á zona rural”.

O programa Mo-vémonos dispón de dúas liñas diferenciadas de actuación. A primeira vai dirixida a asociacións de capacidades diferentes e a colectivos que traballen con persoas en risco de exclusión social. Poderán participar entidades de tódolos concellos da provincia. O fin desta liña é a integración social das persoas a través de actividades en grupo que garantan a mellora das capacidades de relación.

A segunda liña vai dirixida a asociacións do medio rural, e nela poden participar entidades sen ánimo de lucro de concellos de menos de 5000 habitantes. A actividade consiste en levar de xeito totalmente gratuíto un monitor o local social da asociación. Búscase chegar a localidades que pola pouca poboación, ou avellentamento ou a súa dispersión non dispoñen de medios para realizar actividades sociais.

A actividade é 100% gratuíta e está sufragada na súa totalidade pola Vicepresidencia Primeira, en ámbalas dúas liñas, para as cales se envía un monitor dous días a semana ao domicilio social da entidade ou lugar de celebración que ela elixa, recortando os custos de desprazamento dos usuarios; e coa que se pretende ofrecer unha actividade física non competitiva coa que se busca a integración social e conseguir unha mellora da saúde. O orzamento que destina a institución provincial para pór en marcha o programa ascende a 185.760 euros.

Na pasada edición, este programa deu cobertura a arredor de 2.000 usuarios, pertencentes a unhas 90 asociacións repartidas por toda a provincia; e dende a área de Benestar Social e Deporte contan chegar a ese número esta edición, xa que máis de medio cento de colectivos xa amosaron o seu interese pola iniciativa.

Así, a Vicepresidencia da Deputación a través de“Mo-vémonos” levará ás asociacións que se insiran no programa 11.600 horas de actividade física moderada, que se repartirán en varios períodos de tempo. O prazo para inscribirse remata a finais do presente mes de xullo, e as inscricións poden formalizarse no enderezo electrónico deporte@deputacionlugo.org. O programa comezará a impartirse a principios do mes de setembro e prolongarase ata xuño de 2015.

Todos os cursos estarán impartidos por persoas expertas na materia, profesionais entre os que haberá como mínimo un traballador social, un psicólogo e un educador social. Os monitores que impartan a propia actividade física contarán como mínimo bacharelato ou o grao superior en animación de actividades físicas e deportivas. Asemade, todas as persoas que se contraten para este servizo disporán do Celga 4 ou equivalente, proba do compromiso da Vicepresidencia da Deputación coa lingua galega.

Antonio Veiga concluíu a súa intervención destacando a importancia destas sesións en canto “se converten nun motivo para reunirse, un motivo de encontro social, creando vida nas parroquias que cada vez están menos poboadas e presentan unha alta taxa de avellentamento na poboación, e que de non ser por iniciativas como a que hoxe presentamos, terían como único punto de reunión a misa dos domingos”.

Exit mobile version