Site icon Crónica3.com A Mariña

Vilaestrofe autoriza a ocupación da mina de caolín do Monte Castelo por parte de Area Minera del Atlánticos

A Comunidade de Montes de Vilaestrofe, do Concello de Cervo, quere comunicar que procedeu á autorización da ocupación de terreo solicitada pola empresa “Area Minera del Atlánticos S.L.”, para solucionar as deficiencias detectadas na mina de caolín sita no Monte Castelo, onde hai unha fenda de considerables dimensións, e posterior actividade mineira si así o consideran os responsables da empresa.

“A Comunidade de Montes, comunicoulle ó Concello de Cervo no pasado mes de outubro a presencia desta fenda, que segundo o noso criterio poñía en perigo ós veciños da parroquia de San Román de Vilaestrofe, usuarios de pistas forestais, e traballadores. No mes de decembro, a Xunta de Galicia decide paralizar a actividade mineira polos perigos que dita fenda supón, e insta a empresa a solucionar as deficiencias detectadas”, explica o presidente do colectivo, Leandro Río que recorda que lle teñen comunicado “en reiteradas ocasións á anterior dirección da empresa que debía solucionar esta situación, así como regularizar os pagos pendentes coa Comunidade, facendo oídos xordos ás nosas peticións”.

No mes de febreiro, a empresa entra nun proceso concursal, e é cando se retoman as negociacións para tratar de solucionar as deficiencias. No mes de abril, a Comunidade fai unha asemblea cos seus comuneiros, coa presenza do Administrador Consursal, no que se chega a un principio de acordo.

Recordamos que no lugar onde se detectou a fenda era terreo non ocupado para a actividade mineira, e habería que facer fronte as indemnizacións correspondentes á empresa NORFOR S.A. coa que a Comunidade tén acordado un dereito de superficie.

Por parte da Comunidade, comunicóuselle a NORFOR S.A. a desafección desta superficie (4,7 hectáreas), que agora pasa a explotar a empresa Area minera del Atlánticos S.L., poñendo á súa disposición a indemnización que estipula o contrato entre a Comunidade e dita empresa.

Dende a Comunidade queren agradecer ó Administrador Consursal de “Area Minera del Atlánticos S.L.” a “súa boa disposición por chegar a un acordo satisfactorio, que supoña a viabilidade da empresa, mantendo os postos de traballo e posibilitando tamén que a Comunidade poda facer frente as súas obrigas. Entendemos como peza clave e fundamental para chegar a un acordo a esta persoa, a cal se sensibilizou dende o primeiro momento coas nosas demandas e coa situación da empresa”.

Dende a Comunidade, así lle reiteramos tamén, que nos poñemos á súa disposición no que nós boamente podamos axudar para manter aberta unha das empresas máis importantes e emblemáticas da Mariña.

Exit mobile version