Site icon Crónica3.com A Mariña

Visitas teatralizadas polo legado indiano de Ribadeo, todos os mércores ata finais de agosto

visitas teatralizadas cartelRibadeo, 23 de xullo de 2014.- A tarde deste mércores a partir das 20:30 horas haberá unha visita teatralizada polo legado indiano de Ribadeo. Esta actividade repetirase todos os mércores ata finais de agosto.

A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, dixo que “tras o éxito da festa indiana celebrada hai uns días na vila seguimos dándolle promoción a todo ese legado. Ribadeo Indiano é un proxecto que pretende recuperar o legado cultural dunha época dourada de Ribadeo que tivo lugar nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX, unha época de prosperidade e que en boa medida se debe ao retorno dos emigrantes americanos, que permitiron mellorar as posibilidades de vida da poboación e facer de Ribadeo un lugar cosmopolita, abrindo novas porta á cultura, á educación e novas infraestruturas na vila, entre outros”.

Álvarez Lastra sinalou que “pretendemos que este proxecto teña continuidade no tempo, traballar co patrimonio histórico dende o punto de vista turístico e cultural de forma que nos permita realzar o pasado e construír un espazo de referencia para a conservación da nosa identidade local e a recuperación da nosa memoria colectiva e que ao mesmo tempo sirva coma un atractivo turístico para Ribadeo”.

Esta continuidade terá lugar durante este verán coas visitas teatralizadas que se desenvolverán todos os mércores ata finais de agosto ás 20:30 polas rúas de Ribadeo. As visitas teatralizas terán lugar a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns, partirán do Cine Teatro e rematarán no palco da música no parque de San Francisco, están dirixidas a todo tipo de público e son gratuítas.

A edil nacionalista engadiu que “así tamén conscientes do tirón da praia das Catedrais e das número de visitas que recibe diariamente este areal o grupo de teatro previamente a vir para Ribadeo fará unha parada nas Catedrais. Alí realizará unha pequena escenificación invitando á xente que veña a Ribadeo a coñecer o casco urbano da nosa vila e o seu pasado indiano”.

Mariluz Álvarez Lastra invita “a veciñ@s e visitantes a acudir a estas visitas teatralizadas durante o verán”.

Exit mobile version