Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro acolle este mércores a proxección do filme ‘Encallados’ sobre a catástrofe do Prestige

Viveiro, 29 de xullo de 2014. O filme Encallados, do director galego Alfonso Zarauza e no que participan actores tan coñecidos como Luís Tosar, proxectaráse mañá mércores ás 20:30 horas no Conservatorio de Viveiro. Esta película, que nos achega á catástrofe do ‘Prestige’ unha década despois, completa a exposición ‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’, que poderá verse no Conservatorio de Viveiro até finais de mes.

Encallados, que recibiu tres premios Mestre Mateo á mellor película para TV, á mellor dirección de fotografía e á mellor montaxe, é unha comedia rodada en Santiago de Compostela, en branco e negro, en 16 mm. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor, coa catástrofe do Prestige de fondo. Unha película que nace a partir do fracaso de intentar facer outra, cando a Zarauza lle encargaran a realización dunha película sobe o Prestige, imposible de levar a cabo tendo en conta as condicións económicas e de traballo impostas. Profesionais do cinema lucenses como Luís Tosar, forman parte deste proxecto cinematográfico.

Neste sentido, a película narra os escasos seis días nos que o director, ao que lle dá vida Xulio Abonjo, se enfronta xunto con dous dos membros de Zopilote, os guionistas Xosé Castro “Pato” e Andy Mahía (interpretados por Ricardo de Barreiro e Federico López), a difícil tarefa de contar unha historia que lles toca tan preto sen caer en tópicos ou relatos prefabricados.

Distribución
A película estreouse a principios do mes de xuño a nivel galego, buscando unha distribución alternativa, “porta a porta”, con proxeccións en teatros, auditorios, centros sociais ou cinemas ao aire libre. E nesa distribución chega mañá a súa proxección á cidade de Lugo.

Durante a súa intervención de presentación do filme a pasada semana na Mariña, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, agradeceu a todo o equipo da película “por facernos máis coñecedores dun dos peores episodios da historia galega recente; un fito que fixo que a sociedade galega se erguera xerándose un dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.

Asemade, Antonio Veiga lembrou “o compromiso da área de Cultura da Deputación con esta causa, traendo, por exemplo, a Lugo e ás súas comarcas a mostra ‘Nunca Máis. A rebelión dun pobo’, que reflicte ese rexurdir da sociedade galega”; sen esquecerse “do noso apoio ao cinema feito na Galiza e en galego. Proba diso son as nosas colaboracións con festivais de cine de carácter local, a creación do espazo web cinemalugo.tv, ou o compromiso directo con filmes rodados en Lugo como a película Vilamor, ou A Esmorga, esta última rodada a principios deste ano no Pazo de Tor e nas súas inmediacións”.

Logo de verse en Viveiro (30 de xullo no Conservatorio ás 20:00 horas), o filme continuará xira pola Mariña grazas ao apoio da Vicepresidencia da Deputación con proxeccións en Mondoñedo (13 de agosto na Sala de Actos do Centro Comarcal ás 20:30 horas) e Ribadeo (26 de agosto no Teatro ás 20:30 horas).

Exit mobile version