Site icon Crónica3.com A Mariña

A Área de Cultura da Deputación investiu 10 millóns de euros en axudas a entidades culturais e concellos nos últimos 7 anos

Lugo, 1 de agosto de 2014. A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou, na súa reunión deste venres, as subvencións da área de Cultura correspondentes á anualidade 2014 valoradas en 540.000 euros. Estas axudas están destinadas á realización de eventos e actividades culturais anuais organizadas por entidades asociativas e concellos e a sufragar os gastos derivados da mellora de instalacións e equipamentos culturais nas entidades locais.

Neste sentido, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga destacou que “desde que o BNG ten responsabilidades na Deputación de Lugo, a área de Cultura leva concedidos arredor de 10 millóns de euros en axudas a asociacións culturais e a Concellos da provincia para a realización de actividades, concretamente entre 2008 e 2014. Cifra, a dos 10 millóns de euros á que habería que engadir toda actividade que organizamos directamente desde a área de Cultura por toda a provincia, a través de programas como Musiqueando, Buxiganga, ou Cultura sobre Rodas, entre outros, que duplicarían esta cifra”

“Estamos a falar dunha cantidade económica moi importante que non so serve para dinamizar a actividade cultural en toda a provincia senón que xera actividade económica e emprego. Unha cifra que contrasta coas políticas do Partido Popular na Xunta de Galiza, posto que desde a chegada de Feijóo ao Goberno galego, as axudas en materia cultural foronse reducindo ata chegar a cero”, precisou Veiga.

Nesta anualidade o número de solicitudes recibidas por parte de asociacións culturais é similar ás recibidas na convocatoria do ano anterior, superando as 500 peticións. Nesta ocasión, presentáronse 519 solicitudes, entre as que se repartirá un orzamento de 400.000 euros. Para a promoción e realización de actividades culturais anuais, 256 entidades percibirán até un máximo de 8.000 euros e para a celebración de eventos culturais, 243 asociacións recibirán, cada unha, un máximo de 6.000 euros.

Segundo explicou Antonio Veiga, trátase dun total de 499 axudas concedidas a entidades culturais; “cifra elevada que demostra o compromiso do goberno provincial coa cultura de base. A Deputación de Lugo é a única administración, ademais dos concellos, que mantén axudas para as asociacións culturais despois de que o Goberno galego retirara esta liña de subvencións amosando o nulo valor que lle da á cultura, a cal entende unicamente como espectáculo. A gravidade de que a Xunta de Galiza non apoie as asociacións culturais de base vai máis aló, xa que demostra como o Partido Popular entende a democracia.” Neste sentido, o vicepresidente da institución recordou aos populares que “non pode haber democracia sen instrumentos para a participación social. A cultura non se pode construír a base de espectadores, senón con cidadáns activos no proceso de produción da mesma”.

En relación ás solicitudes de axuda para investimentos e equipamentos culturais e gastos correntes derivados da realización de actividades culturais organizadas polos concellos lucenses supérase, un ano máis, o centenar de peticións, todas elas concedidas. A área de Cultura, dependente da Vicepresidencia da Deputación, recibiu 52 solicitudes para investimentos e adquisición de equipamentos culturais ás que se destinarán un total de 80.000 euros, e 61 peticións de subvención para os gastos correntes derivados da realización de actividades anuais e eventos culturais aos que se dedicarán 60.000 euros. Os concellos recibirán un máximo de 5.000 euros para asumir os gastos correntes derivados da celebración de actividades culturais de carácter anual e até 2.500 euros para actividades culturais eventuais; un máximo de 6.000 euros para investimentos, e un máximo de 3.000 euros para equipamentos culturais.

Para o vicepresidente da Deputación estes datos “poñen de manifesto como desde o ente provincial se considera que deben ser as relacións entre administracións; as cales deben basearse en dar resposta ás necesidades do pobo e non en fundamentos ideolóxicos.”

A Deputación de Lugo, e en concreto a Vicepresidencia e a área de Cultura, amosa con esta liña de axudas, que se aproban en base a criterios obxectivos e nunha mesa de valoración formada por un membro de cada unha das tres forzas políticas con representación na institución e por funcionarios, o seu apoio ao tecido cultural lucense e a súa confianza no asociacionismo cultural da provincia.

Antonio Veiga rematou a súa intervención recordando que “Lugo é a provincia galega cun tecido asociativo máis amplo, plural e diverso, en boa medida pola política cultural que estamos a facer desde a Vicepresidencia da Deputación, centrada en potenciar o asociacionismo cultural de base”.

As subvencións concedidas suman os seguintes totais:

–       Subvencións destinadas a entidades culturais para a realización de actividades de interese cultura

FINALIDADE IMPORTE
Actividade cultural permanente 213.300 €
Eventos culturais 185.800 €
TOTAL 399.100 €

–       Subvencións destinadas a gastos correntes das actividades culturais realizadas por concellos da provincia de Lugo

FINALIDADE IMPORTE
Actividade de carácter anual 43.300 €
Actividade de carácter eventual 16.700 €
TOTAL 60.000 €

–       Subvencións destinadas a investimentos en instalacións de carácter cultural e equipamentos culturais realizados por Concellos da provincia de Lugo

FINALIDADE IMPORTE
Investimento en instalacións culturais 39.500 €
Equipamento cultural 40.500 €
TOTAL 80.000 €
Exit mobile version