Site icon Crónica3.com A Mariña

A Asociación de comerciantes do Casco Histórico de Viveiro amplía o seu ámbito de actuación

Unha vez realizados todos os trámites administrativos para proceder á ampliación do ámbito de actuación da Asociación de comerciantes do Casco Histórico de Viveiro, o colectivo ven de recibir todas as autorizacións pertinentes para levar a cabo o mesmo. Tras meses de traballo, consultas, asesoramentos legais e demais trámites, os estatutos quedaron modificados podendo dar de alta desde este mesmo momento a todos os negocios da zona de Lodeiro, a variante e Verxeles.

Durante estes días serán enviadas cartas a todos os negocios destas zonas, con información da Asociación, os seus obxectivos e actividades, para que todos aqueles que o desexen poidan darse de alta como asociados.

Desde a Directiva e a xerencia da Asociación trabállase desde estes momentos nun cambio de imaxe corporativa para convertela en moderna e dinámica, acorde ao que pretende transmitir o comercio na etapa actual, unidade e competitividade. O obxecto principal é xuntar os máximos esforzos posibles para fomentar e defender as compras no comercio local. Para iso necesitamos de todos e cada un dos apoios que nos poidan dar os negocios da nosa cidade.

Desde fai anos vénse traballando en distintas campañas de dinamización comercial ao longo de todo o ano, algunhas xa afianzadas co tempo e outras de recente creación como os Concursos de Tapas ou a Feira de Stocks de Agosto. Tamén se realizan convenios de colaboración con distintas empresas e organismos para conseguir vantaxes competitivas para os nosos asociados, porque non é o mesmo negociar de forma individual que para un colectivo. Ocupámonos da representación dos intereses do comercio ante organismos institucionais como Concello, Xunta ou Deputación, porque falando como colectivo facémonos oír mellor. Formamos parte e participamos activamente na Federación de Comercio da Mariña, porque a unidade como comarca abriranos portas ao exterior. E o máis importante, é que calquera actividade que organicemos no pobo, que atraia e mobilice clientes favorece a toda a economía local… porque os comercios dan vida ás cidades.

II Feira de Stocks
Do 19 ao 21 de agosto nas carpas situadas nos Xardíns Noriega Varela levarase a cabo a II Feira de Stocks organizada pola Asociación de comerciantes do Casco Histórico de Viveiro. Cun total de 14 participantes contará con artigos de moda de home, muller e nenos, deportes, complementos, óptica, mobles, xoiería e zapaterías. O éxito da pasada feira estivo baseado en gran medida pola variedade de sectores e artigos postos á venda cuns prezos moi reducidos.

Durante tres días e en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, os comerciantes sacarán á venda produtos das últimas tempadas e os clientes poderán aproveitar para adquirir verdadeiras gangas.
Contando coa afluencia de xente que ten Viveiro no mes de agosto, desde a asociación esperamos repetir o éxito obtido o ano pasado.

O venres 15 de Agosto o comercio asociado ao Casco Histórico abrirá as súas portas en horario especial de festivos, de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

Exit mobile version