Site icon Crónica3.com A Mariña

A Banda de Música Municipal de Ribadeo cerra este venres o ciclo Agosto Musical 2014 cun concerto dedicado a bandas sonoras de películas

image002Ribadeo, 28 de agosto de 2014.- O ciclo de concertos Agosto Musical 2014 organizado pola asociación ribadense Amadores da Música pon este venres o punto e final. Así o anunciou o director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, quen comentou que o último concerto deste ciclo celebrarase mañá, venres 29 de agosto, ás 23:00 horas, no Parque San Francisco. Ballester explicou que este concerto, á diferenza dos tres anteriores celebrados neste mesmo mes, non se fará por agrupacións de instrumentos, senón que contará coa participación de toda a banda tocando de forma conxunta. O director tamén adiantou que a actuación terá coma temática central o cine, xa que tódalas cancións interpretadas polos músicos da Banda xirarán en torno ás bandas sonoras de películas coñecidas por tódolos públicos.

En palabras de Ballester, “mañá faremos un concerto rematando este agosto musical da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que comezou co concerto de percusión e continuou co de vento- madeira e máis o de vento metal. Agora reunímonos todos para facer este concerto especial que será de música de cine, baseado todo en bandas sonoras”.

O director da Banda ribadense engadiu que “son bandas sonoras variadas, tanto de películas de animación para nenos como películas para xente máis maior e de tódalas xeracións. Todas as interpretacións irán acompañadas da proxección de imaxes das bandas sonoras que imos a tocar”. Ballester resaltou que “como novidade, esta vez faremos o concerto no Parque San Francisco, onde o templete. Esperamos que toda a xente de Ribadeo, e incluso a que non sexa de Ribadeo, se acerque alí e poida gozar deste acompañamento de música e imaxes que ofreceremos.”

Exit mobile version