Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación, de “hostil e entorpecedora” no goberno popular, a sexta máis transparente de España con Gómez Besteiro

A Deputación de Lugo, sitúase, no 2013, entre as institucións de España máis transparentes, tras acadar a sexta puntuación máis alta, 82,5 puntos sobres os 100 máximo, un sobresaínte, no estudo da organización Transparencia Internacional de España. Deste xeito, pasa de ser declarada oficialmente no ano 2007 polo Valedor do Pobo como “hostil e entorpecedora” a convertese nun modelo a nivel do Estado, grazas á aposta do actual Presidente da Deputación por abrir a institución luguesa a todos os veciños da provincia, modernizala e convertela en eficaz e útil ós lucenses.

A oposición, equipada e informada

Con Gómez Besteiro, por primeira vez a oposición conta cun regulamento orgánico, impulsado polo Goberno Provincial, para garantir a transparencia e facilitar o labor de oposición, da mesma forma que dispón de dous locais de traballo e equipos informáticos. Pola contra, hai deputados do actual Goberno, que levan agardando 16 anos por información da etapa popular. O PP conta ademais con 3 asesores, cun custe anual para a Deputación de case 122.000 euros, e con 5 deputados con dedicacións que suman preto de 200.000 euros ó ano.

Durante os 24 anos de Goberno popular, a Xunta de Voceiros nunca se reuniu, agás antes do Pleno de Organización. Agora, convócase para todos os asuntos de importancia para a provincia. Foi tamén o actual Presidente quen instaurou a comparecencia anual no Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos, pois o PP nunca quixo facelo. Hai que destacar, no ámbito dos orzamentos, que a Deputación de Lugo é a primeira en España en someter todo o seu presuposto á participación cidadá nos 67 concellos da provincia. Os orzamentos participativos 2015, englóbase dentro da aposta de Gómez Besteiro de afondar na democracia e na transparencia na xestión do público.

A dilixencia do actual Executivo da resposta ás peticións de documentación da oposición nun prazo de 5 días, do igual xeito que o fixo co Valedor. No 2013, entregáronselle máis de 3.000 copias de decretos. Hai que sumarlles as correspondentes a outros documentos.

No pasado ano, mentres Núñez Feijóo deixou sen responder 6 de cada 10 preguntas presentadas pola oposición no Parlamento, Gómez Besteiro contestou 126 de 143 dende o 2011. As restantes non se responderon por ser información non concreta, documentos que deben solicitarse noutra institución, ou incluso porque o PP renunciou a consultala.

Exit mobile version