Concretamente, o ano pasado, a institución luguesa solicitou á Consellería de Traballo 22 cursos formativos con prácticas remuneradas para 330 desempregados da provincia. Só concedeu 1 curso para 15 persoas. Este ano, optou á mesma programación, pedindo outras 8 accións formativas para 120 lucenses no paro. Deu 4 para 60 persoas.
O organismo provincial tamén concorreu ás subvencións de 2013, dirixidas a entidades públicas, para a contratación de axentes de emprego. Solicitou 4 axentes, pero concedéronlle 2. Ademais, a Xunta só lle outorgou o 20% do orzamento necesario para a súa contratación, presuposto que fixa o propio Executivo autonómico, polo que a Deputación tivo que financiar o 80% restante.
Malia e todo, Martínez avanzou que a Xunta de Goberno deste venres acordou optar a estas mesmas axudas para 2014, solicitando de novo 4 axentes. Para elo, a sesión aprobou o orzamento necesario que fixa a Consellería de Traballo para a súa contratación e que ascende a case 175.200 euros. Desta cantidade, a Xunta estable nas súas bases que só concede un máximo do 35%, é dicir 61.300 euros como moito. Polo tanto, a Deputación ten que achegar como mínimo o 65% restante, uns 114.000 euros.
Cooperación entre administracións
“Agora temos que esperar a resolución da Xunta, esperando que prime a colaboración entre as administracións en prol do benestar dos cidadáns”, defendeu o voceiro, destacando que “á diferenza do que fai a Xunta, a sempre que o Goberno galego nós pide colaboración o facemos”. En mostra disto, Martínez lembrou que, recentemente, se aprobamos dous novos convenios de colaboración. Por unha banda, o da rehabilitación das Pallozas, declaradas BIC e polo tanto responsabilidade legal da Xunta, xunto á dotación de alumeado público e saneamento do Piornedo. Trátase dun convenio dotado de 260.000 euros, dos que a Deputación achega o 65,5% e a Xunta o 34,5% co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico da Montaña. E, por outra, o do PEIM, que logo dos recortes dos Gobernos do PP que supuxeron a non execución desta programación no 2010 e 2011, a Deputación finánciaa por primeira vez. Garante, deste xeito, a realización de melloras de camiños municipais da provincia por valor de 6,5 millóns de euros. Deste presuposto, a Unión Europea achega o 75%, o Goberno Central o 15%, a Deputación de Lugo o 10,1% e a Xunta o 2,05%.