Tal e como explicou Antonio Veiga na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno celebrada hoxe, “mantemos o mesmo orzamento e todas as liñas de axudas que o ano pasado polo compromiso co apoio ao deporte de base e á dinamización da actividade deportiva desde abaixo. Non é casualidade que desde o ano 2008, coa nosa entrada no goberno, a Deputación de Lugo sexa das Deputacións do Estado que máis diñeiro inviste en deporte por habitante, só superada polos cabildos insulares e Guipúscoa, que contan cun réxime fiscal diferente. Isto contrasta coa política doutras administracións que reducen drasticamente os seus investimentos en deporte, como fai a Xunta de Galiza saltando convocatorias de axudas dun ano a outro”.
Veiga reafirmou que “con estas axudas democratizamos o deporte de base, todos os equipos e agrupacións deportivas da provincia poden beneficiarse destas axudas, tanto para a organización de actividades deportivas de natureza competitiva ou non competitiva e levar a cabo eventos deportivos. É fundamental que todas as persoas teñan acceso ao deporte independentemente da modalidade que sexa”.
O vicepresidente da Deputación entrou a definir a resolución das axudas que se aprobou esta mañá de xeito definitivo en Xunta de Goberno e que sairá publicada no BOP nos vindeiros días. Desta maneira, o número de solicitudes de axudas recibido este ano por parte de asociacións e clubes deportivos sitúase nunha cifra notablemente inferior á do ano pasado, 481 frónte ás 577 do ano pasado, mentras as solicitudes por parte dos concellos lucenses mantéñense, mesmo se incrementou ata as 111.
Descenso dos eventos organizados polos clubes por culpa da crise
Antonio Veiga achacou este descenso do 16% na actividade dos clubes deportivos da provincia á crise económica e dixo que “por iso é máis importante ca nunca que as institucións manteñamos a nosa aportación”. Puxo como exemplo o feito de que este ano haxa 30 solicitudes menos por parte dos clubes e asociacións deportivas para a realización de eventos deportivos nas distintas disciplinas deportivas, o que quere dicir que “hai 30 eventos deportivos que se viñan facendo e que este ano non se van facer porque os clubes non se animan a organizalos”, lamentou. “A Deputación mantén a mesma aportación que o ano pasado, o que quere dicir que os eventos que se siguen facendo (141 en total), recibirán máis cartos que o ano pasado”, explicou Antonio Veiga.
Baremos públicos e obxectivos
Antonio Veiga tamén explicou que todas estas axudas concedidas “son froito dun proceso aberto con total transparencia a todos os clubes de base e concellos da provincia” e que “todas as solicitudes presentadas que cumpren cos requisitos recollidos nesas bases publicadas no BOP teñen axuda en base á puntuación obtida por cada solicitude en función de criterios obxectivos”. “Desde o ano 2008 que nós estamos hai baremos obxectivos, públicos e transparentes, para a concesión de todas as axudas públicas das áreas de Cultura e Deportes; antes de que nós chegaramos non era así, polo que ningún clube da provincia se pode sentir maltratado por esta Deputación”, lembrou.
As axudas concedidas aos clubes da provincia por cada unha das categorías subvencionables son as seguintes; para actividade deportiva competitiva (organizada en competicións) concédense 191 axudas por un importe de 273.000 euros; para actividades deportivas non competitivas concedéronse 149 axudas por un importe de 116.100 euros, e para a organización de eventos deportivos 141 axudas dotadas cun total de 110.900 euros. En total son 481 axudas que se reparten os 500.000 euros totais.
Pola banda das axudas aos concellos, para o financiamento de gastos correntes derivados da organización de actividades deportivas concedéronse 49 subvencións por un importe de 43.600 euros e para a organización de eventos deportivos puntuais concedéronse 10 cunha cantidade de 6.400 euros. Para axudas á realización de investimentos en instalacións deportivas concedéronse 37 axudas que contan con 62.000 euros e, finalmente, para a adquisición de material ou equipamento deportivo concedéronse 15 axudas cun orzamento de 18.000 euros.
SUBVENCIÓNS DEPORTE 2014
1. Entidades deportivas e clubes (500.000 euros)
A) Categoría de axudas para actividades deportivas, o importe máximo de axuda será de 8.000 euros. Son gastos subvencionables: Gastos de persoal, Gastos de material didáctico – deportivo, Gastos de vestimenta deportiva, Primas de seguros, Gastos de publicidade e RP.
B) Categoría de axudas para a organización de eventos deportivos, o importe máximo da axuda será de 4.000 euros. Son gastos subvencionables: Gastos de recursos materiais, Gastos de persoal ou vinculado ao persoal, Gastos de funcionamento, Gastos de medios e materiais técnicos, Primas de seguros, Gastos de publicidade e RP.
C) Categoría de axudas á actividade competitiva, o importe máximo da axuda será de 8.000 euros. Os gastos subvencionables serán: Arbitraxe, Gastos de transporte, Gastos federativos, Canons.
Número de solicitudes | 2013 | Importe total | 2014 | Importe total |
Actividade deportiva | 156 | 101.250 € | 149 | 116.000 € |
Organización de eventos | 170 | 109.550 € | 141 | 110.900 € |
Actividade competitiva | 251 | 289.200 € | 191 | 273.000 € |
Totais | 577 | 500.000 € | 481 | 500.000 € |
2. Concellos (130.000 euros)
2.1. Gastos correntes (50.000 Euros)
A) Eventos subvencinables até 2.500 euros.
B) Actividades deportivas de carácter permanente, subvencionables até 5.000 euros.
Número de solicitudes | 2013 | Importe total | 2014 | Importe total |
Actividade deportiva | 46 | 42.700 € | 49 | 43.600 € |
Eventos | 10 | 7.300 € | 10 | 6.400 € |
Totais | 56 | 50.000 € | 59 | 50.000 € |
2.2. Investimentos (80.000 Euros)
A) Investimentos para instalacións deportivas até 6.000 euros.
B) Adquisición de equipamento deportivo inventariable até 3.000 euros
Número de solicitudes | 2013 | Importe total | 2014 | Importe total |
Investimentos deportivos | 35 | 59.500 € | 37 | 62.000 € |
Equipamentos deportivos | 17 | 20.500 € | 15 | 18.000 € |
Totais | 52 | 80.000 € | 52 | 80.000 € |