Os populares situamos como prioridade aquelas políticas que entendemos poden redundar en beneficio dos nosos veciños, no incremento da actividade económica local e na creación de postos de traballo. Fixémolo no polígono industrial de Cuiña e fixémolo tamén liderando a posta en marcha dun ambicioso proxecto como foi o cinto industrial no contorno de Alcoa. Ambos, sempre atoparon a falta de colaboración das forzas da oposición e en particular do PSOE
Foi un Goberno bipartito da Xunta, conformado daquela por PSOE e BNG o que, en plena época de bonanza e cando maiores posibilidades teríamos de captación de empresas, decidiu paralizar o proxecto. Conseguimos recuperalo e darlle o amparo necesario para que, cando cambien as circunstancias económicas poidamos aproveitar esta disposición de solo. Situación similar acontece co polígono industrial de Cuiña onde a Deputación, pese a ter feito co PP a primeira fase das expropiacións e explanación duns 800 metros de vía (algo máis da metade do total, de 1.500 metros de lonxitude), non quere continuar a estrada chamada a garantir una acceso directo desde a estrada nacional 642, neste caso coa activa oposición do PSOE.
A carencia dun acceso directo non só supón un prexuízo para desde o punto de vista das oportunidades de comunicación do polígono senón, como a práctica demostrou, un factor de risco viario, xa que moitos camións e maquinaria de gran tamaño circulan por vías non axeitadas, e sofren accidentes, ou se vén obrigadas a pasar polo centro de San Ciprián, as inmediacións do instituto, centro de saúde, da residencia co consecuente perigo.
A Deputación de Lugo dispón da capacidade suficiente para desbloquear esta obra e incorporalo nos orzamentos provinciais do 2015. Non é un problema de falta de recursos, senón de ausencia de vontade. Simplemente -de novo o bipartito- non quere. Se xa é difícil comprender como a Deputación se está a negar a desbloquear un proxecto paralizado nas últimas dúas lexislaturas con Besteiro, moito máis, que haxa concelleiros locais como Lara Méndez que, co seu voto, están a negar o apoio a esta reivindicación.
Os populares de Cervo seguiremos reclamando o que é de xustiza: que a Deputación desbloquee a obra de construción da estrada de acceso ao polígono de Cuiña. Farémolo a pesar dos obstáculos que pon o PSOE e convencidos de que, dispoñer desta nova estrada poder ser o impulso que necesita para seguir sumando empresas, oportunidades laborais e para o emprendemento. Non nos conformamos, nin aceptamos a estratexia da Deputación: a do non polo non.
Jose Manuel Balseiro