Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pon en marcha este luns o servizo gratuíto de asesoramento cidadán para aforrar na factura da luz

A Deputación de Lugo pon en marcha este luns 4 de agosto o novo servizo de asesoramento cidadá gratuíto para aforrar na factura da luz, converténdose no primeiro organismo provincial en Galicia que ofrece esta prestación. A institución ofrecerá, a custe cero e de maneira individualizada, as seguintes prestacións:

1.- Información sobre o mercado eléctrico, as principais variables do sector ou as particularidades do consumo cidadán.
2.- Análise da factura eléctrica con fin de detectar posible erros ou defectos, colaborando, no caso da súa existencia, na tramitación de avisos, queixas ou suxerencias.
3.- Asesoramento sobre as posibles medidas para reducir custes e optimizar o subministro, tendo en conta os hábitos de consumo. Por exemplo, con novos tipos de tarifas, cambiando a potencia eléctrica contratada ou implantando mecanismos de baixo consumo.
4.- Tramitación de bonos sociais, que poden solicitar persoas coas rendas máis baixas, para acadar un desconto do 25% na luz.
5.- Seguimento personalizados de todas as consultas realizadas. A intención é coñecer o funcionamento das medidas asesoradas de cara ó éxito deste servizo

Técnicos da Axencia Provincial da Enerxía, que estarán no segundo andar da Deputación, atenderán todas as consultas, de xeito presencial, ou ben a través de teléfono ou correo electrónico. Para unha mellora atención individualizada, é necesario pedir cita previa. Pódese facer no 982 260 113 ou no email asesoria.facturacion@deputacionlugo.org. Nestes mesmos canais, tamén se atenderán as consultas. O horario de atención é de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

A Deputación ofrece este novo servizo ante as continuas subas na luz do Goberno Central, a situación de desinformación na que se atopan os cidadáns, así como debido ós abusos que sofren por parte das eléctricas. Hai que ter en conta que a factura eléctrica en España incrementouse nun 63% nos últimos anos. España xa é o terceiro país da Unión Europea coa luz máis cara. O gasto medio na luz por domicilio ascende xa ós 775 euros ó ano. Tendo en conta que en Lugo hai preto de 136.000 vivendas, segundo datos do INE e excluíndo as segundas vivendas, os lucenses pagan ó ano máis de 100 millóns de euros pola luz. Este gasto é maior, posto que hai que engadir os custes da luz nos Concellos, onde a media, nun municipio de menos de 5.000 habitantes, é doutros 200.000 euros anuais.

Exit mobile version