Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pon en marcha o primeiro concurso público dunha administración en Galicia para a selección de entidades de crédito

A Deputación de Lugo pon en marcha o primeiro concurso público dunha administración en Galicia para a selección de entidades de crédito (bancos, caixas de aforro ou cooperativas de créditos…). Faino para a colocación de excedentes de tesourería en depósitos bancarios. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe o anuncio deste procedemento e o Perfil do Contratante o prego que o rexe, que incorpora cláusulas sociais en defensa do público e dos dereitos dos cidadáns, a iniciativa do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro.

Deste xeito, nos criterios de adxudicación, valorarase:
• Relación de oficinas e medios persoais adscritos á execución do contrato, distribuídos na provincia de Lugo.
• Porcentaxe de reclamacións resoltas satisfactoriamente nos produtos de risco, especialmente, nas participacións preferentes e débeda subordinada.
• Condicións sociais e laborais dos empregados encargados da execución do contrato, como as melloras salariais por enriba do convenio colectivo e medidas de conciliación da vida familiar e laboral.

Tamén se terá en conta, o plan de formación do persoal, o grao de satisfacción dos clientes ou as actividades que se organicen en promoción da provincia, entre outros aspectos.

Este martes 26 de agosto, ábrese o prazo de presentación de ofertas, que é de 15 días naturais. Débense entregar no Rexistro da Deputación, situado no Pazo Provincial, de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, ou de 10.00 a 14.00 horas o sábado; ou ben por correo ordinario a San Marcos nº8, Lugo 27002.

Exit mobile version