Dando un paseo polo noso pobo podemos comprobar o barullo da xente, o abarrote das rúas peonís, da Avda. de Asturias e Galicia, o tráfico, … Movemento, beneficio para comerciantes, hostaleiros e o sector servizos en xeral, algo distinto ao resto do ano, pero… ¿Onde está o noso Equipo de Goberno, a maioría do BNG e, máis concretamente, o edil de medio ambiente; é dicir, o responsable da limpeza de Ribadeo?
Toda esta xente trae consigo a adopción de medidas excepcionais para seguir mantendo a Ribadeo nunhas condicións de limpeza e salubridade mínimas. ¿Réganse as rúas aínda que só sexan as peonís? A resposta é afirmativa pero só cando chove: “a natureza é moi sabia”.
As Catedrais e pouco máis no verán. Iso é o que lle preocupa ao Goberno de Ribadeo; pero con respecto á limpeza do resto do pobo, pouco, por non dicir nada.
O turismo é o que se pretende fixar, dándolle calidade e diversidade, tema no que coxea o Goberno local. Moito reclamar á Xunta de Galicia, moito mobilizar xente para que se oian as súas reivindicacións, pero os deberes fundamentais de calidade, limpeza e salubridade sen facer.
Cumpran co seu traballo, cobran por iso, manteñan a Ribadeo limpo e digno como se merece, esquézanse de reclamar tanto aos demais e fagan os seus deberes porque a climatoloxía é incontrolable e non sempre está ao servizo dos nosos desexos, malia repito, “é sabia”.
Ribadenses e visitantes, rematen felices as vacacións de agosto, celebren unha feliz Patroa, xa en setembro, antes de retomar a rutina e as costumes da nova estación.
Jesús López Penabad
Presidente do PP de Ribadeo.