A praia da Rapadoira acolle por terceiro ano esta actividade de volei praia que tivo grande éxito nas edicións anteriores. O pasado ano unas 150 persoas de todas as idades aprenderon a xogar ao volei praia grazas aos consellos das xogadoras do Emevé. As xogadoras e entrenadoras María Pena e Pino Chao son as encargadas de impartir as clases na edición deste ano. As pistas están operativas todos os días, agás que faga mal tempo, en horario de mañán e de tarde (de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas).
Tanto para asistir ás clases como para participar no campionato do día 13 só é preciso achegarse aos dous campos de xogo habilitados e apuntarse de xeito gratuíto. O volei praia é un deporte olímpico que está gañando adeptos e practicantes nos últimos anos e no que se xoga en equipos de dúas persoas.
Alternativa de ocio e fomento da práctica deportiva
Esta iniciativa forma parte do programa de actividades lúdicas de verán que se desenvolven en distintos puntos da provincia de Lugo organizadas pola Vicepresidencia da Deputación participan persoas de todas as idades de xeito totalmente gratuíto, co que se busca fomenrar da práctica do deporte e do exercicio físico entre a poboación lucense.
Na súa visita esta tarde ás canchas ubicadas na Rapadoira, Antonio Veiga apostou pola realización deste tipo de actividades na época estival “xa que supoñen unha alternativa de ocio para persoas de todas as idades e, ao mesmo tempo, introdúceos de xeito ameno na práctica deportiva para levar un estilo de vida saudábel”.
Ao mesmo tempo, esta iniciativa, realizada en colaboración co Clube Voleibol Emevé de Lugo busca “promocionar deportes minoritarios” como poden ser o voleibol e estender a súa práctica a lugares como a comarca da Mariña, onde non existe ningún clube ou equipo adicado a este deporte. “Noutras zonas da provincia, como Lugo ou Monforte existen clubes de voleibol importantes, pero na Mariña é un deporte bastante descoñecido”, afirmou Veiga.