Encallados, que recibiu tres premios Mestre Mateo á mellor película para TV, á mellor dirección de fotografía e á mellor montaxe, é unha comedia rodada en Santiago de Compostela, en branco e negro, en 16 mm. Unha mirada ao noso cine e ao contexto no que vivimos chea de honestidade, autocrítica, melancolía e humor, coa catástrofe do Prestige de fondo. Unha película que nace a partir do fracaso de intentar facer outra, cando a Zarauza lle encargaran a realización dunha película sobe o Prestige, imposible de levar a cabo tendo en conta as condicións económicas e de traballo impostas. Profesionais do cinema lucenses como Luís Tosar, forman parte deste proxecto cinematográfico.
Neste sentido, a película narra os escasos seis días nos que o director, ao que lle dá vida Xulio Abonjo, se enfronta xunto con dous dos membros de Zopilote, os guionistas Xosé Castro “Pato” e Andy Mahía (interpretados por Ricardo de Barreiro e Federico López), a difícil tarefa de contar unha historia que lles toca tan preto sen caer en tópicos ou relatos prefabricados. A película estreouse a principios do mes de xuño a nivel galego, buscando unha distribución alternativa, “porta a porta”, con proxeccións en teatros, auditorios, centros sociais ou cinemas ao aire libre. E nesa distribución chega este martes a súa proxección a Ribadeo.
Máis de 5.000 persoas viron a exposición ‘Nunca Máis, a rebelión dun pobo’
A proxección de Encallados completa a mostra Nunca Máis, a rebelión dun pobo, que dende comezos de xullo percorreu distintas localidades da comarca da Mariña (San Cibrao, Viveiro, Mondoñedo e Ribadeo). A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle precisamente até final de mes esta exposición, que xa viron máis de 5.000 persoas este verán na Casa do Mar de San Cibrao, o Conservatorio de Viveiro, o Centro Comarcal de Mondoñedo e agora na Oficina de Turismo de Ribadeo, segundo deu a coñecer o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, que visitou a mostra esta mañá acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez.
A exposición Nunca Máis, a rebelión dun pobo, é unha mostra fotográfica que pretende chamar a atención sobre todo o que supuxo, dende o eido social e cultural, o Movemento Nunca Máis, consecuencia do embarracamento nas costas galegas con 77.000 toneladas de fuel do petroleiro Prestige aquel 13 de novembro de 2002.
O vicepresidente da Deputación explicou que esta exposición “representa a dignidade que os galegos e as galegas demostraron naqueles días de confusión e desesperación ante unha traxedia que se converteu en catástrofe grazas á despreocupación e á ineficiente xestión dun Goberno que deixou só e desprotexido a todo un pobo. Coa acción reivindicativa de Nunca Máis, mostrouse o orgullo de ser galego ou galega, o orgullo de pertencer a un pobo que defende e protexe o seu. Nunca Máis foi a chispa dun dos movementos sociais e culturais máis importantes do país durante os últimos cen anos”.
Coa creación desta exposición, que durante estes meses de verán estivo itinerando por diversos concellos da comarca no afán de que chegase ao maior número de mariñás e mariñáns, a Vicepresidencia da Deputación quixo facer unha homenaxe a todo o pobo galego, a todos aqueles que se achegaron a Galiza para axudar, e ao traballo da Plataforma Nunca Máis.