Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación aportará 5.000 euros á Asociación de familiares de enfermos de alzheimer

Viveiro, 16 de agosto de 2014. A Vicepresidencia da Deputación aportará 5.000 euros á Asociación de Familiares de persoas con Alzheimer e outras Demencias de Viveiro (AFAVI) para axudar a este colectivo na labor de atención social que realiza. Así llelo comunicou esta semana o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Benestar Social, o nacionalista Antonio, aos membros da asociación, cos que se reuniu en Viveiro. A aportación realizaráse a través dun convenio.

AFAVI atende no seu local ubicado no local de asociacións do Convento de San Francisco a unha ducia de persoas afectadas pola enfermidade de alzheimer, ás que ofrece atención de día e actividades como ximnasia adaptada ou talleres de estimulación cognitiva. Trátase da única asociación deste tipo existente na comarca da Mariña.

Veiga, que se reuniu esta semana en Viveiro con membros da asociación, loubou o traballo realizado por esta asociación e comprometeu o apoio da institución provincial a colectivos que, coma este, “suplen a irresponsabilidade da Xunta de Galiza do Partido Popular, que deixa abandonadas ás persoas dependentes do noso país, sen axudas e sen servizos sociais necesarios”.

Veiga afirmou que “en cuestión de servizos sociais non cabe ningún tipo de recorte”, polo que “cos recortes de Feijóo faise aínda máis importante a labor destas asociacións e o apoio da Deputación”, que colabora con outros colectivos de familiares de enfermos de alzheimer existentes noutros tres lugares da provincia (Monforte, Lugo e Chantada). En total, lembrou Veiga, a Deputación destina 2,8 millóns de euros anuais a atención a persoas dependentes.

AFAVI é unha asociación sen ánimo de lucro creada en xaneiro de 2005 ante a necesidade de atender as demandas dun grupo de familiares de enfermos de alzheimer, co obxectivo de conseguir uha maior calidade de vida tanto para os enfermos como para os seus coidadores e, ao mesmo tempo, difundir na sociedade a existencia desta enfermidade e sensibilizar á opinión pública e ás institucións sobre a carga familiar que supón atender a unha persoa afectada por esta enfermidade, así como fomentar a investigación científica sobre este tipo de demencia.

AFAVI presta servizo de acollida e primeira atención, orientación e asesoramento en recursos sociais, taller de estimulación cognitiva, intervención psicolóxica individual, etc.

Exit mobile version