Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta concédelle ó Concello de Cervo 10.500 euros para as tres festas de Interese Turístico Galego que hai no municipio

Cervo, 5 de agosto de 2014- A Xunta comunicoulle ao Concello a concesión de tres axudas económicas de apoio ás festas de Interese Turístico Galego. Desta forma, o Goberno autonómico aporta 3.500 euros para a Festa do Ourizo, 3.500 euros para a Maruxaina e 3.500 euros para a Queimada, o que significa que a Xunta “colabora e respalda todas as festas de Interese Turístico Galego que temos no municipio”, asegura o alcalde de Cervo, Alfonso Villares.

Cabe destacar que Cervo é o único concello da provincia que ten tres festas con esta distinción de calidade e un dos poucos de Galicia. Da mesma maneira, o rexedor lembra que esta non é unha situación puntual. Xa o ano pasado a Xunta apoiara o Ourizo, a Maruxaina e a Queimada, repartindo un total de 10.500 euros de forma igualitaria entre as tres festas de ITG.

O mandatario cervense agradece ao Goberno galego a súa colaboración con “tres celebracións emblemáticas neste concello”. Da mesma maneira dá as grazas á Xunta por “valorar estas festas como o que son, eventos festivos moi atractivos, de moita participación e tradición, e que xurdiron do pobo”.

Da mesma maneira, Villares aproveita para agradecer e recoñecer a “todas as persoas, asociacións e colectivos que dedican o seu tempo e esforzo a manter e mellorar cada ano estas festas e que no seu momento contribuíron á súa calidade, conseguindo a declaración de Interese Turístico Galego”.
O primeiro edil resalta a longa traxectoria destas festas, todas elas con máis de 20 edicións ás súas costas, algunha incluso máis de 30. “O Concello apoia estas festas nosas, populares, e que seguirán contando coa nosa colaboración, ao igual que coa da Xunta”.

Exit mobile version