Para iso, o Concello remitiu ao Goberno Provincial o acordo, no que tamén se comunica á Deputación que “calquera problema que haxa de seguridade e perigo pola situación da vía será da súa responsabilidade e adoptaranse as medidas legais que se consideren pertinentes”, tal e como consta no escrito.
Da mesma maneira, a comisión de goberno remitiu escritos para informar desta situación á Subdelegación do Goberno, á Garda Civil e á Dirección Xeral de Tráfico.
Dous meses de inseguridade
A finais de xuño, o Consorcio de Auga Cervo-Burela solicitaba autorización á Deputación para rematar unhas obras nunha estrada provincial, en concreto na zona do Rego do Carbón, en Rúa, onde se producira unha avaría na rede de auga. Pero en todo este tempo o Goberno provincial nin respondeu nin deu permiso para continuar as obras.
Desta forma, os traballos levan dous meses bloqueadas, ou o que é o mesmo, os veciños levan dous meses padecendo problemas de inseguridade e de circulación, xa que un dos carrís está cortado e o paso de vehículos regúlase con semáforos provisionais. Unha situación que causa molestias e ralentiza o tráfico na única estrada que une Cervo con Rúa, sen esquecer que a gabia se atopa nunha curva pronunciada e de escasa visibilidade.
“Só pedimos que a Deputación actúe de forma responsable nunha estrada da súa competencia: Que tape ou deixe tapar o burato. Pode asumir ela os traballos ou pode permitir que a empresa que pediu permiso os remate, porque o único que nos importa é poñer fin a esta situación de perigo” reclama Pedreira.