Site icon Crónica3.com A Mariña

Abertos ao debate

Resulta sorprendente a negativa ao diálogo expresada polas forzas políticas da esquerda á hora de afrontar o debate sobre a elección directa dos alcaldes. Estraña tanta oposición ante unha reforma que nin tan sequera está presentada formalmente e respecto da que o PP non propuxo unha fórmula concreta, precisamente como elemento que demostra unha total disposición ao diálogo.

Estamos abertos a un debate que pretende ser serio, rigoroso, exento de demagoxia, sen liñas vermellas e sen fórmulas pechadas. Sentarse entorno a unha mesa, intercambiar opinións e falar é unha obriga dos representantes políticos. As mesmas formacións que presumen de democracia terán moi difícil explicar a súa negativa a atopar espazos de consenso cara a reforma electoral, situándose nunha posición de inmobilismo que os distancie aínda máis da sociedade.

Ningún partido debera ter medo ao diálogo. Non podemos entender que partidos coma o PSOE, que levaba no seu programa electoral que os alcaldes sexan elixidos polo pobo -directamente-, agora sexan os primeiros en negarse a debater sobre posibles fórmulas para facelo realidade. Non podemos comprender que o que antes valía ata o punto de incorporalo aos seus programas hoxe non sirva, nin poida nin tan sequera consensuarse.

Convidamos ás forzas políticas a escoitar á cidadanía. A nosa iniciativa se fundamenta en algo tan sinxelo como escoller que é mellor: un alcalde elixido co respaldo dos seus veciños ou outro que é nomeado nos despachos. A elección directa dos alcaldes dá resposta a unha demanda social que esixe reforzar a vontade cidadá nas urnas, en de vez favorecer a negociación post-electoral nos despachos.

Os cidadáns están demandando maioritariamente que fagamos reformas no ámbito electoral porque consideran que non están ben representados. E a elección directa dos alcaldes apunta nesta dirección. Chegou o momento de dicir alto e claro que é preciso que prime a vontade do conxunto dos cidadáns en beneficio da rexeneración política, fronte aos obxectivos cortoplacistas de determinados partidos políticos do ámbito da esquerda.

Queremos que goberne o que gañe e temos a sensación de que outros partidos queren que mande aquel que perde. Necesitamos diálogo para dar más importancia ao que voten os cidadáns. Os cidadáns teñen que saber que o seu voto decide. Estamos obrigados a desterrar posturas intransixentes e amosarnos abertos a negociar. Falemos sobre como mellorar a nosa democracia. Falemos sobre como achegar a política ao cidadán e dicirlles que o seu voto conta.

Exit mobile version