Site icon Crónica3.com A Mariña

Aplausos

Nos tempos en que era preciso facer constar a profesión para renovar o D.N.I. ocorriu que a D. Xosé Manuel Carballo, crego, mago e grande propulsor da popularización do teatro afeccionado en galego na Mariña Lucense, o Garda civil de turno preguntoulle:

-De profesión que lle poño, crego?
– Non, ho, iso é por devoción!
– respostou D. Xosé coa súa sabedoría retranqueira.

Devoción pode ser a verba axeitada para calificar o sentimento da masiva concurrencia de público que neste estío acode, disposto a agradecer con xenerosos aplausos, o traballo de tódolos grupos afeccionados. Cabe pensar que unha vez máis o teatro, por ser a sombra da sociedade, serve de antídoto en tempos de crise. Esta simbiose pon en valor a necesidade social do teatro afeccionado como terapia comunitaria, como espello e portavoz das inquedanzas diarias porque o pobo sabe que o teatro nace das súas propias entrañas e, sendo sangue do seu sangue confía en que, cando o precise, nunca lle falte.

O teatro afeccionado da Mariña agradece esa confianza e quen isto escribe quere unirse ao público para aplaudir o esforzo de tódalas personas e institucións que manteñen ergueita a vela do teatro afeccionado facendo que, tamén niso, a Mariña sexa “única” pois cómpre lembrar que na maioría do país os grupos de teatro non traballan ata o outono. Non é que sexamos raros pois calqueira comprende que deixar o escenario aparcado sería máis doado senón que ao longo dos anos tódolos compoñentes dos grupos teatrais da Mariña deixaron suficientemente demostrado que son xente comprometida coa súa xente, cos ritmos vitais dos nosos concellos , sempre dispostos a animar proxectos e empresas en favor da comarca. Por iso, mentres recollo velas, aproveito para que saiban que de min teñen e sempre terán as maiores loubanzas.

Non me esquezo dos técnicos de cultura, dos alcaldes, deputados, concelleiros, nin de Buxiganga, semente que no estío descansa, nin por suposto ao público, a esencia e a alma, pois todos xuntos teceron a rede da esperanza para que, no infindo dos tempos, os futuros mariñáns conten co teatro afeccionado xa que seguirá vivo, por se fixera falta.

A todos, moitas grazas!

Exit mobile version