Site icon Crónica3.com A Mariña

Arredor de 32.000 persoas pasaron en xullo polas oficinas de turismo de Ribadeo e da praia das Catedrais

Ribadeo, 1 de agosto de 2014. A ocupación hostaleira situouse en Ribadeo no mes de xullo no 80% e 32.000 persoas demandaron información nas oficinas de turismo da vila e da praia das Catedrais. Foi o alcalde, Fernando Suárez, o encargado de dar a coñecer estes datos.

O rexedor dixo que “está claro que Ribadeo dende o punto de vista da afluencia turística está sendo un destino emerxente, onde cada vez hai máis xente de cerca ou de máis lonxe que quere vir visitarnos. E a xulgar polas cifras que nos pasan as técnicas dos puntos de información turística das Catedrais e da oficina de turismo de Ribadeo indican que batemos un novo récord de visitas que acoden a pedir información á oficina de turismo”.

Suárez Barcia relatou que “durante este mes de xullo pasado na oficina de turismo de Ribadeo estiveron unhas 12.000 persoas, que é un pouco máis que os acudiron alí no mesmo mes de 2013, que foran 10.000. E no que ten que ver con outro punto fenomenal de afluencia turística, como é o das Catedrais, incrementouse sensiblemente con respecto ao ano pasado, xa que en 2013 pasaran no mes de xullo unhas 12.000 persoas por alí e agora houbo unhas 20.000; de media unhas 700 persoas por día foron pedir información turística no punto das Catedrais”.

Para o alcalde “tanto na vila de Ribadeo como no punto de información das Catedrais no mes de xullo unhas 32.000 persoas viñeron pedir información. Iso quere dicir que as que viñeron a Ribadeo foron moitas máis; de aí que todo o persoal que temos contratado en materia de turismo, que unha gran parte está financiado pola Deputación Provincial de Lugo, que tanto nos está apoiando nesta materia, literalmente non dan feito para atender e a indicarlle á xente que nos ven visitar o que pode ver, onde pode comer…”.

Fernando Suárez engadiu que “en Ribadeo chova ou faga sol sempre hai que ver e que facer. Este fin de semana que vai entrar agora aínda moito máis, coa festa do percebe, co Emma Cuervo, coa Xira de Santa Cruz… en definitiva, un montón de actividades que logo a xente de Galicia, de Castela-León, de Madrid, andaluces, vascos e cataláns son os que máis están vindo do Estado. Pero tamén veñen dende Europa e destacan os de Francia, de Alemaña e do Reino Unido, cun amplo porcentaxe de visitas, que cada vez está medrando máis. A ocupación hoteleira, polo que estamos consultando aos diferentes hoteis, alcanzou no mes de xullo o 80 por cento, con estancias por viaxeiro de máis días que o ano pasado. Isto é unha boa noticia”.

O alcalde anima “ao sector da hostalaría a que sigan traballando tan ben como o están facendo para que o mes de agosto volvamos bater un novo récord de visitantes a este noso Ribadeo”.

Exit mobile version