Site icon Crónica3.com A Mariña

As feiras máis antigas de Galicia presentan moitas novidades culturais e artísticas entre o 16 e o 20 de outubro en Mondoñedo

Mondoñedo, 18 de agosto de 2014. A comisión de feiras e festas das San Lucas xa esta rematando o programa de festexos deste ano. As feiras máis antigas de Galicia celébranse este ano dende o xoves 16 ata o luns 20 de outubro.

Unha das novidades musicais desta nova edición é a actuación do ex-concursante de Operación Triunfo, Pablo López, un artista que esta arrasando por tódolos escenarios nos que actúa.

No que se refire ás orquestras “contaremos coas mellores de Galicia”, sinala Miguel Souto, Presidente da Comisión de festas. Estarán entre outras a PARIS DE NOIA, PALLADIUM, FANIA , FILADELFIA, NUEVA GENERACIÓN, CLAXXON, MARBELLA e TEKILA.

Ademais a organización está traballando en “potenciar as emocionantes imaxes da chegada tradicional dos cabalos polas rúas da cidade ata a praza da Catedral”, relata Souto. Por iso, explica que a comisión está traballando para darlle maior difusión a este evento e dalo a coñecer cada vez a máis público, “estamos estudando poñer unha pantalla na praza da Catedral para seguir o percorrido dende os montes e vals de Mondoñedo, con conexións cos cabaleiros no percorrido, e tamén estamos buscando a posibilidade de emitilo por Internet”.

18 de outubro, Día Grande, o cabalo é o protagonista
O día grande das San Lucas, o sábado 18 de outubro, centos de reses chegadas de todo o noroeste peninsular danse cita na feira de gando tradicional máis importante de Galicia, que este ano conta con preto de 6.000 euros en premios. Tamén haberá os concursos tradicionais; como os morfolóxicos, a Final da Copa Galicia, Pura Raza Galega, Andadura, Trotóns. Todos eles cos seus correspondentes premios.

O Cartel das San Lucas deste ano xa está listo, e realizouno como cada ano o artista mindoniense Xosé Vizoso.

A comisión organizadora continúa a traballar para pechar o programa de actividades que este ano vai contar con máis actuacións e actividades lúdicas e culturais que se irán anunciando nos vindeiros días.

Exit mobile version