En canto aos eventos festivos, comezarán este xoves día 14 e prolongaranse ata o sábado 23, rematando coa XXXVI Queimada Popular. Un programa que inclúe actos lúdicos, multitude de opcións para o público infantil, festas gastronómicas, eventos deportivos, actuacións musicais e citas tradicionais.
Como xa é habitual, o primeiro acto será a inauguración da exposición de manualidades no Ecomuseo de Cervo (19 h.), onde se amosarán os traballos realizados en diferentes cursos organizados pola Asociación de Veciños Cervo Sargadelos. O comezo das festas marcarao o pregón (20 h.), que nesta ocasión será ofrecido polo xornalista e director xeral de El Progreso, José de Cora, que ademais é unha persoa moi vinculada coa vida do municipio dende hai moitos anos. Media hora máis tarde comezará a IX Festa do Ovo Frito, na que está previsto servir preto de 3.000 racións de ovos fritidos con patacas, chourizo á grella, pan e bebida.
O día 15 comezará coa misa solemne ás 13 h. na honra da Nosa Señora, procesión da Virxe da Asunción e do Carme, cantada polo coro parroquial con ofrenda floral aos mariñeiros. Ás 14 h. será momento da sesión vermú coa orquestra Paraíso. Pola tarde (18 h.) celebrarase o Trofeo Sargadelos de fútbol que disputarán o SD Cervo-Sargadelos e o SD Valadouro e pola noite (22:30 h.) comezará a verbena de novo coa orquestra Paraíso e o Dúo Sesión.
Os actos do sábado 16 comezarán coa misa e procesión cantada polo coro parroquial na honra do patrón, San Roque, seguida da sesión vermú coa orquestra Fin de Siglo. Pola tarde celebrarase o tradicional Festival Folclórico Internacional (19:30 h.) que contará coa presenza dos Frieleiros, chegados dende Lisboa e xa pola noite a orquestra Fin de Siglo e o Dúo Sesión amenizarán a verbena (a partir das 22:30 h.).
Actividades infantís
O público infantil poderá gozar de numerosas actividades durante cinco días seguidos. O día 17 celebrarase o taller de cociña Master Chef Cervo infantil, novidade deste ano; o luns 18 ofreceranse xogos tradicionais e diversos talleres, o martes 19 será a quenda da Festa da escuma e xuncada, o mércores 20 o concurso de debuxo infantil e o 21 inchables. Todas as actividades a partir das 19 horas.
O día 23 celebraranse dúas citas tradicionais nas festas de Cervo como son o XVIII Mercado Tradicional a partir das 10 h. na praza do Souto e a XXXVI Queimada Popular a partir das 23 h. e que os organizadores presentarán nos próximos días. O ensaio da Queimada, que é festa de Interese Turístico Galego, terá lugar o día 22.
A edil de Cultura lembra que o Concello colabora activamente coa celebración destas festas e nas que destaca o seu “carácter tradicional” sen esquecer “que son muchas las personas que trabajan de forma altruísta para ofrecer un programa amplio y atractivo”. Alonso destaca que estas festas “son posibles gracias al trabajo conjunto de diferentes asociaciones de Cervo, que unen sus esfuerzos y se implican en cada edición para mantenerlas vivas”.