Site icon Crónica3.com A Mariña

As instalacións da escola infantil Nosa Señora da Purificación de Foz serán melloradas cun investimento de preto de 100.000 euros

Foz, 5 de agosto de 2014. As instalacións da escola infantil Nosa Señora da Purificación, de Foz, serán melloradas cun investimento próximo aos 100.000 euros por parte da Consellería de Traballo e Benestar. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, explicou que xa se asinou a acta de replanteo para executar estas obras.

“No concello de Foz estamos de boas novas en materia de asuntos sociais. Ademais da acta de replanteo que se firmou onte para a construción do xeriátrico, que comezará estes próximos días, asinouse tamén a acta de replanteo das obras de substitución dos chans de madeira por outros de forxados de formigón na gardería Nosa Señora de Purificación. É unha obra importante, de preto de 100.000 euros, e necesaria nunhas instalacións que se atopan nun estado moi bo, pero que nas que se tiña pensado dende hai tempo facer esta substitución de forxados de madeira por forxados tradicionais de formigón. Este proceso levará uns días de obras e de reparacións, pero o importante é que a Consellería de Traballo e Benestar segue investindo en Foz. Estamos a falar dunha obra de preto de 100.000 euros que ten un custo grande, pero que lle servirá á gardería para poñerse ao día e para que os nosos nenos poidan gozar dunhas instalacións actualizadas e en perfectas condicións”, comentou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira engadiu que “unha vez máis temos que dar as grazas á Consellería de Benestar por confiar no pobo de Foz e nas infraestruturas de benestar deste municipio. Este é un verán importante de obras para todos nós e, dende logo, é unha aposta importante. Queremos agradecerlle esa atención que ten a Consellería de Traballo e Benestar con esas necesidades importantes que tíñamos, tanto na gardería coma na construción do xeriátrico, na cal dende agora e ata finais do ano próximo vaise facer o groso das obras”.

Exit mobile version