Site icon Crónica3.com A Mariña

As rías de Viveiro e Ribadeo acollerán este sábado e domingo a III Bandeira de Traiñeiras da Mariña

pres III bandeira(1)Lugo, 28 de agosto de 2014.- As rías de Viveiro e Ribadeo serán o escenario este sábado 30 e domingo 31 da III Bandeira A Mariña de Traiñeiras, unha competición organizada pola Vicepresidencia da Deputación en colaboración cos clubs de remo de Viveiro e Ribadeo coa intención de revitalizar a práctica deste deporte na comarca e que vai reunir na Mariña a 18 embarcacións chegadas de toda Galiza e de Asturias nunha proba deportiva de primeiro nivel no panorama galego.

O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Deporte da institución provincial, o nacionalista Antonio Veiga, que presentou a pasada semana en Ribadeo estas dúas regatas, últimas probas puntuables para a Liga Galega e que se van a celebrar en Celeiro o sábado 30 e en Ribadeo o domingo 31, afirmou que “a III Bandeira A Mariña suporá un gran acontecemento deportivo para a comarca mariñá porque decidirá a Liga Galega”, que está moi apretada, tanto na categoría A, con Samertolomeu e Amegrove con 85 e 79 puntos, como na categoría B, con Coruxo, Bueu, Salgado-Perillo e Mecos-Mondariz con 85, 84, 81 e 80 puntos respectivamente. Xunto a Antonio Veiga, ao acto de presentación desta proba deportiva asistiron tamén representantes da Liga Galega de Traiñeiras, dos clubs de remo de Ribadeo e Celeiro, e membros do Goberno municipal de Ribadeo.

A fórmula da competición será a de regata a dobre xornada . O sábado 30 darase a saída á competición no porto de Celeiro a partir das 18:00 horas en tres quendas contrarreloxio nas que participarán todos os clubes inscritos nas Liga Galega de Traiñeiras, tanto na categoría A como na B, máis o Clube de Mar de Castropol como convidado. Ao día seguinte, o domingo 31, a competición trasládase ao porto deportivo de Ribadeo, onde a partir das 11:30 horas darase a saída en tres quendas, a primeira contrarreloxio e as restantes en regata en liña con saídas lanzadas cada 2 minutos por orde inversa á clasificación do día anterior. A competición repartirá 20.000 euros en premios e será puntuable para a Liga Galega, que está encabezada neste momento por Samertolomeu, seguido por Amegrove e Mugardos, na División A e por Mecos-Mondariz, seguido de Coruxo e Salgado-Perillo, na División B.

Clubes chegados de toda Galiza

A III Bandeira A Mariña de Traiñeiras vai reunir ás 17 traiñeiras que compiten na Liga Galega, 8 da liga A e 9 da B, máis ao Clube de Mar de Castropol, como embarcación convidada. Serán embarcacións chegadas de toda Galiza: entre os equipos da Liga A da Liga Galega de Traiñeiras están C. R. Amegrove, Club do Mar Mugardos, C.R. Chapela, C. R. Cabo de Cruz, S. D. Samertolameu de Meira, C. R. Vilaxoán, C. R. Cabana, C.R. Ares; mentras na Liga B están Mecos-Mondariz, Coruxo, Salgado-Perillo, Bueu, Cabo da Cruz, Rianxo, Cesantes, Esteiro e Cangas.

Neste sentido, Antonio Veiga declarou que “este tipo de actividades, ademais do valor que teñen como eventos a nivel deportivo, aportan un valor económico e de turismo engadido importante, que é a afluencia de xente á comarca co gallo da celebración da competición, xa que son 18 clubes cunha media de 15 membros máis os familiares e afeccionados que os acompañan os que se achegarán á Mariña esa fin de semana para asistir ao evento”. “Aparte de que traerá deportistas e seguidores dos clubs, será un bo espectáculo para os moitos turistas que pasan uns días por esas datas na comarca mariñá”, destacou o vicepresidente da Deputación.

Impulso ao deporte do remo na comarca

As novas directivas dos dous clubs de remo existentes na comarca, os de Viveiro e Ribadeo, esperan que esta competición se converta nun bo impulso para a afección ao remo na Mariña, dado o grande nivel da proba que se vai disputar na comarca a finais deste mes. Tanto Bernardo Fraga, presidente do clube de Viveiro, que colleu a presidencia do club hai tres anos, como David Ribas, que se fixo cargo da revitalización do club de remo de Ribadeo este ano, destacaron que este deporte está a tomar novos folgos na comarca e agardan que volva ter a importancia que tivo en épocas pasadas.

Neste mesmo sentido se manifestou Antonio Veiga, que deu os seus “parabéns ás novas directivas do clubs de remo de Celeiro e Ribadeo por dar continuidade a este deporte na comarca, así como polo esforzo posto para organizar este evento”. Tanto a Deputación como as novas directivas dos clubs de Viveiro e Ribadeo están tratando de revitalizar o deporte do remo na comarca, así como outros deportes acuáticos como o kayak ou o piragüismo que tamén incrementaron moi notablemente o número de practicantes nos últimos anos. Ademais dos clubes de remo de Ribadeo e Celeiro, na comarca da Mariña existen tamén clubes de kayak en Foz e San Cibrao e de piragüismo en Viveiro e Ribadeo.

Exit mobile version