Site icon Crónica3.com A Mariña

Aumenta o turismo nos catamaráns e nos museos dependentes da Deputación

IMG_2843Lugo, 29 de agosto de 2014.- O responsable da área de Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, fixo hoxe un “balance positivo” do que vai de verán en canto a turismo na provincia de Lugo e afirmou que “a provincia de Lugo no seu conxunto consolídase ano a ano como destino turístico e avogou por continuar co traballo de “promoción conxunta dos atractivos das distintas comarcas como ofertas diferenciadas que complementan moi ben a estancia do visitante”.

Na rolda de prensa logo da Xunta de Goberno celebrada hoxe, Mario Outeiro destacou o aumento de viaxeiros dos catamaráns e das visitas aos museos dependentes da Deputación (Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Pazo de Tor en Monforte e Torre-Fortaleza de San Paio de Narla en Friol) no que vai de verán con respecto aos anos anteriores.

Neste sentido, destacou que os tres catamaráns que ten servizo a Deputación nos ríos Miño e Sil, nos embarcadoiros de Doade, Belesar e Os Robles, suman no que vai de verán 16.000 viaxeiros e mostrouse convencido de que “cos viaxeiros do mes de setembro superaremos os 19.000 usuarios do verán pasado”. Mario Outeiro explicou que “ano tras ano a demanda turística para facer viaxes en catamarán aumenta” e afirmou que “as rutas fluviais son un motor moi importante de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra”. 26.300 persoas fixeron estas rutas o ano pasado, fronte ás 25.900 do 2012 e as 25.000 do 2011, unhas cifras que o responsable de Turismo da Deputación agarda superar este ano, a pesares de que “a baixada de caudal no Miño como consecuencia da rotura dun caneiro obrigou a suspender a ruta dos Robles hai xa case un mes”, explicou.

6.700 persoas visitaron o Museo Provincial de Lugo no mes de agosto
En relación aos museos dependentes da Deputación, repartidos por toda a provincia, Mario Outeiro destacou o valor das súas coleccións e o feito de que sexan gratuítos e fixo fincapé en que “conseguen aumentar a oferta de carácter cultural e o coñecemento da nosa historia e das nosas tradicións por parte dos turistas que nos visitan”. Como exemplo do interese que xeran no visitante, o responsable provincial de turismo deu os datos de visitas ao Museo Provincial de Lugo no que vai de verán (4.700 persoas no mes de xullo e 6.700 no que vai de agosto). Á falta de contabilizar os datos desta última fin de semana de agosto, Outeiro destacou que “xa se superaron as cifras do verán pasado, no que visitaron o Museo de Lugo 11.224 persoas nos meses de xullo e agosto”.

Promoción conxunta
En relación á comarca da Mariña, Mario Outeiro destacou o motor de atracción que supón a praia das Catedrais, “que está a batir este verán todos os records en canto a número de visitantes”, dixo. No que vai de mes de agosto pasaron xa polas Catedrais máis de 250.000 persoas, cunha media de 10.000 persoas ao día, o que converte o areal mariñán no segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago.

Mario Outeiro avogou ademais por “promocionar en conxunto toda a provincia de Lugo”. “O sector do turismo na provincia de Lugo aínda ten moito percorrido e moito potencial para medrar. As distintas comarcas de Lugo, no seu conxunto, compoñen unha oferta atractiva e variada que hai que explotar: temos mar, temos natureza, temos historia, temos patrimonio, temos gastronomía. Temos, polo tanto, moita materia prima turística nas distintas zonas: A Mariña, Lugo, os Ancares e A Ribeira Sacra. E temos que promocionar toda esa oferta de xeito conxunto para ofrecer ao visitante unha oferta completa e diversa para que quede aquí máis tempo”, defendeu.

Exit mobile version