Site icon Crónica3.com A Mariña

Carlos Blanco leva ‘O Apóstolo’ a Viveiro

Viveiro acollerá o próximo martes 5 de agosto o segundo pase do Ciclo Gas Natural Fenosa de Cine Itinerante en Galicia. A cidade mariñá proxectará en versión orixinal a cinta animada en stop-motion 3D O Apóstolo, un filme de Fernando Cortizo que se alzou con numerosos premios en festivais internacionais: Mellor Película en Animpact (Corea, Xapón e China), WFAF (Bulgaria), Night of fear (Berlín) e Festival de Monterrey (México), entre outros. O actor galego Carlos Blanco é o encargado de presentar esta longametraxe na que da voz a Ramón, o protagonista desta historia de humor, terror e fantasía.

A proxección aberta ao público, gratuíta e ao aire libre, comezará ás 22:30 horas na Praza Maior de Viveiro, aínda que dende unha hora antes o intérprete, que na súa terra natal é tamén coñecido por exercer como presentador na televisión autonómica, estará no lugar do pase para atender aos medios e aos espectadores. Se as condicións meteorolóxicas fosen adversas, a exhibición de O Apóstolo trasladarase ao Teatro Pastor Díaz (Constanza de Castro, 19), espazo no que se efectuarían dous pases do filme (20:30 e 22:30 horas).

Este evento en Viveiro enmárcase dentro do primeiro ciclo de cine itinerante que desenrolan a Academia e Gas Natural Fenosa integramente nunha comunidade autónoma: Galicia. Carballo foi a localidade inaugural deste proxecto que achega a dez municipios filmes españois que gardan algún vínculo con Galicia. Todas as longametraxes seleccionadas contan con intérpretes ou técnicos galegos, ou ben foron producidas ou rodadas neste territorio.

Tras Viveiro, a ruta de cine continúa en Sanxenxo o vindeiro 8 de agosto, onde Francis Lorenzo presentará Águila Roja, la película, ata concluír en Ferrol o 5 de setembro, con Celia Freijeiro e Todo es silencio.

Exit mobile version