Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa acta de replanteo darán comezo o vindeiro luns as obras de construción do xeriátrico de Foz

Foz, 1 de agosto de 2014. O vindeiro luns, 4 de agosto, darán comezo as obras de construción do xeriátrico de Foz, segundo deu a coñecer este venres o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.

O rexedor sinalou que “no pleno ordinario, celebrado este xoves, a Corporación decidiu a cesión definitiva dos terreos ao Consorcio de Benestar e Servizos Sociais para a construción do xeriátrico. Este era un dos puntos máis importantes, unha vez que estivo a exposición pública. Isto significa que o vindeiro luns, tal e como estaba previsto, poderán comezar as obras. Será coa acta de replanteo. A empresa adxudicataria poderá instalar as casetas de obra e demais para o inicio dos traballos neste mes e de aí en diante no prazo que está estimado para a construción deste xeriátrico, que é de 18 meses”.

Para Javier Castiñeira “esta é unha moi boa nova, é un paso moi importante que deu o Concello e é un cambio fundamental para Foz. O obxectivo é que entre en servizo o antes posible. Non debemos anticiparnos ao tempo”. O alcalde focense engadiu: “e para todos aqueles incrédulos que pensaban que isto non ía ser unha realidade dicirlles que o Concello de Foz está a iniciar unha das maiores obras que se están a realizar en Galicia, do que é obra pública. Estamos a falar de 2.000.000 de euros de orzamento e iso é grazas ao traballo realizado pola Consellería de Benestar, pola súa titular Beatriz Mato e por todos aqueles que loitaron e que loitamos en Foz para que isto sexa unha realidade, entre eles están os veciños e as asociacións que sempre estiveron ao pé do canón para que isto que era unha necesidade no noso concello sexa unha realidade e se inicien os traballos o vindeiro luns”.

Exit mobile version