Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza unha semana de teatro afeccionado ao aire libre en Foz

O grupo O Batán (Cangas) abre este luns 25 de agosto o Ciclo de Teatro Afeccionado ao aire libre de Foz que se estenderá ata o sábado 30 deste mes cunha nova versión de “Retiractivos” sobre a “construción dunha sociedade apoiada na terceira idade” e na que “a xubilación xa non é sinónimo de tranquilidade”.

O martes 26 será a quenda do grupo A Adala (Fazouro) que porá en escena a obra “Apreta pero non afoga” sobre os valores humanos nun contexto de “intranquilidades económicas”. Pola súa banda, o mércores 27 O Bordelo (Cervo) ofrece unha viaxe retranqueira pola Mariña onde se observan distintas formas de levar a vida coa comedia “Os amores do mariñán”.

Pico do Castro ofrecerá o xoves 28 un “ensaio cómico sobre o casamento de Rosiña que se ven entre a espada e a parede ao saírlle mozos a pares”. Trátase da obra “De vello, gaiteiro”. Xa o venres, Axóuxeres (Vilaronte) representarán “Descontrol hospitalario” unha peza denuncia aos recortes no ámbito sanitario galego.

O sábado o grupo humorístico Trípode, de Alfoz, pechará o ciclo con “Xuízo anticorrupción”.

Todas as representacións terán lugar no patio do colexio Nº1 de Foz a partir das 22.00 horas.

Exit mobile version