Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira do Medio Rural e do Mar visitará o vindeiro xoves diversas empresas do sector pesqueiro na Mariña

Santiago, 12 de agosto de 2014.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, visitará este xoves diversas empresas do sector pesqueiro radicadas na Mariña de Lugo. Rosa Quintana irá á lonxa de Burela, para comprobar de primeira man a poxa, coincidindo coa campaña do bonito. A conselleira estará acompañada polo Presidente e o xerente da Asociación de Armadores de Burela (ABSA), Abelardo Basanta e Miguel Neira.

Posteriormente trasladarase a Pescados Rubén, para coñecer o seu funcionamento e as instalacións desta empresa dedicada á transformación e envasado de peixe conxelado e que ten como principal actividade o subministro a grandes áreas comerciais e mercados centrais de pescado e marisco.

A visita da conselleira pola Mariña lucense continuará con un percorrido polas instalacións de Conservas Curricán. A titular do Medio Rural e do Mar visitará a nave, a área de traballo e a zona de almacén e etiquetado desta conserveira, que traballa o bonito e o polbo.

Pola tarde, Rosa Quintana achegarase ás instalacións da empresa Acuidoro, en Cervo, cuxa actividade se centra na produción de rodaballo e linguado. Acompañada polo director xeral, Luis Toro, e polo xefe de relacións institucionais, Emilio Ferro, percorrerá os criadeiros do maior centro produtivo do grupo Stolt Sea Farm.

Exit mobile version