Neste sentido, Deputación e Concello esixen a Declaración coma Parque Natural para a franxa litoral de Ribadeo que permita desconxestionar as Catedrais da súa presión turística ofrecendo alternativas para todo ese fluxo de visitantes atraídos pola especial natureza desta costa. A declaración de Parque Natural para As Catedrais significaría o despegue definitivo e protección da mesma, e a consolidación dun reclamo turístico de primeira magnitude para toda a Mariña lucense.
“Neste momento faise inevitable ampliar os ámbitos de actuación, que foron delimitados hai 10 anos cando a praia non tiña o tirón que ten hoxe”, explicou Fernando Suárez, que afirmou que “temos que favorecer que as visitas sexan máis escalonadas e ordenadas e que haxa menos coches no entorno da praia mediante un aparcadoiro amplo e distante conectado con transporte público e a habilitación dun apeadeiro de FEVE, porque mentras non logremos sacar os coches dalí e peonalizar o entorno non resolveremos nada”, argumentou.
60.000 euros para manter o punto de información turística na praia
Antonio Veiga detallou a aportación de máis de 60.000 euros que fai a Deputación mediante un convenio co Concello de Ribadeo para o mantemento do punto de información turística que hai na praia, atendido por 6 persoas, un lugar polo que pasaron xa este mes de agosto máis de 25.000 persoas demandando información, polo que se constitúe como “o principal foco de promoción turística da provincia de Lugo e un dos primeiros de Galiza”.
A Deputación aposta dende hai anos polo coidado, conservación e potenciación deste enclave natural, e faino a través dun convenio anual co Concello de Ribadeo que contempla un programa de Atención ao Visitante e Mantemento do punto de información turística nas Catedrais, apoio ás actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello de Ribadeo, o bus turístico, o mantemento e coidado do areal e a difusión do valor ecolóxico das Catedrais. Con fondos aportados pola institución provincial, por exemplo, melloráronse o ano pasado os servizos que hai na entrada do areal.
As medidas postas en marcha pola Xunta son insuficientes
Así mesmo, o vicepresidente da Deputación referiuse ás medidas do Goberno galego postas en marcha este ano por primeira vez como “unha cativa reacción da Xunta no cumprimento das súas obrigas con respecto ao que as normas ambientais galegas lle obrigan a facer e que se viña incumprindo dende fai 10 anos. Hai que recordar que As Catedrais foi declarado monumento natural en setembro de 2005”.
“Urxe un plan de xestión para as Catedrais que evite danos no entorno por mor da masificación de visitantes. Isto é o que levamos tempo reclamando dende a Deputación e dende o Concello de Ribadeo. Pero a Xunta, que é quen ten as competencias por ser Rede Natura, mirou sempre para outro lado e agora, en plena campaña de verán adopta unha serie de medidas que son só un parche, porque poñer unha ducia de carteis e a tres rapaces avisando á xente de que non se achegue aos cantís porque pode caer non resolve nada”, sentenciou Veiga.
“Queremos saber en que se vai concretar no futuro este plan anunciado este verán por Feijóo. Cantos cartos vai poñer a Xunta e para que. Queremos saber cales son os compromisos reais da Xunta para lograr que As Catedrais sigan a ser un motor económico e un motor do turismo para toda a comarca da Mariña”, concluíu Veiga.
Antonio Veiga acusou á Xunta de “mirar só para Compostela e para as Rías Baixas en cuestión de turismo e esquecer, tamén nisto, á Mariña e á provincia de Lugo”. Puxo como exemplo a oficina de turismo das Catedrais, o segundo máis visitado de Galiza, e que non tería nin punto de información turística se non fose pola Deputación.
Segundo lugar máis visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago
No caso da praia das Catedrais, estamos a falar dun entorno ameazado pola masificación, xa que se ten convertido no segundo destino singular máis coñecido e visitado de Galiza, só por detrás da Catedral de Santiago. Neste sentido, Antonio Veiga fixo fincapé “na necesidade de compatibilizar esa masificación que sofre o areal ribadense coa necesaria protección do areal e da súa contorna natural”. “É necesario protexer e conservar a praia das Catedrais, senón corremos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro”, asegurou.
No que vai de mes de agosto pasaron xa polas Catedrais máis de 200.000 persoas, segundo detallou o alcalde ribadense. Unha media de 10.000 persoas ao día visitan o areal, unha media que se supera en días concretos como o pasado día 13 de agosto, no que se rexistrou o record con 14.000 visitantes. O pasado ano visitaron a praia 500.000 persoas, unha cifra que Fernando Suárez está convencido que se superará este ano.
Reto: facer que os turistas que veñen ás Catedrais se queden varios días na Mariña
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, afirmou que “o turismo é un dos sectores con máis futuro da provincia, pero non calquera tipo de turismo, temos que apostar por un turismo de calidade vinculado ao patrimonio e ao medio ambiente, un turismo sostible, non masificado, que protexa entornos como a Praia das Catedrais”, defendeu Antonio Veiga. “Non nos serve o modelo de turismo marbellí de Barreiros, iso é pan para hoxe e fame para mañá”, afirmou.
Para Antonio Veiga o grande reto é “aproveitar o tirón das Catedrais para vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo e facer que os turistas que veñen ver as Catedrais queden varios días na Mariña e visiten outros puntos da comarca”. “Temos que aproveitar o efecto imán que ten para o turismo na Mariña a praia das Catedrais”, dixo.
“O sector do turismo na provincia de Lugo está despegando, pero aínda ten moito percorrido e moito potencial para medrar. As distintas comarcas de Lugo, no seu conxunto, compoñen unha oferta atractiva e variada que hai que explotar: temos mar, temos natureza, temos historia, temos patrimonio, temos gastronomía. Temos, polo tanto, moita materia prima turística nas distintas zonas: A Mariña, Lugo, os Ancares e A Ribeira Sacra. E temos que promocionar toda esa oferta de xeito conxunto para ofrecer ao visitante unha oferta completa e diversa para que quede aquí máis tempo. Niso estamos traballando. Pero facémolo en solitario, porque a Xunta, que é quen ten as competencias nisto, esquece e marxina á provincia de Lugo. A Xunta de Galiza está centrando todos os seus esforzos de promoción en Compostela e nas Rías Baixas, esquecendo o resto do país”, denunciou o vicepresidente da Deputación.