Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Concello de Xove colaboran no acondicionamento da estrada LU-P-2610

estrada-xoveA Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro Rapa, supervisou este luns as actuacións que Deputación e Concello están a realizar na estrada LU-P-2610. Os traballos consisten na aplicación de aglomerado en quente, así como a limpeza de cunetas e instalación de sinalización horizontal e vertical, e contan cun orzamento total de preto de 300.000 euros, que aportarán ambas administracións ó 50%. Os traballos rematarán, previsiblemente, a vindeira semana.

Estas tarefas de acondicionamento son froito do acordo adoptado pola institución provincial e o Concello mariñán, co que ambas administracións comprométense a colaborar a partes iguais no acondicionamento da totalidade desta vía. Deste xeito, a Deputación mellorará as condicións dun tramo duns 2,3 quilómetros e o Concello farase cargo do acondicionamento doutros tantos, o que permitirá rematar os traballos de mellora de toda a estrada neste mesmo ano.

Polo momento, o Concello de Xove foi o único que se comprometeu a traballar de xeito conxunto coa Deputación, algo que a Vicepresidenta Segunda quixo agradecer na figura do seu rexedor, ó tempo que salientou que “a Deputación continúa estando aberta a colaborar de xeito directo con todos os Concellos lucenses, permitindo así duplicar a inversión na provincia”. Méndez destacou que “desexamos que este acordo sexa exemplo de colaboración entre entidades para procurar o benestar dos veciños da provincia, que é, en definitiva, o noso obxectivo final”.

Exit mobile version