O segundo concerto do ciclo Agosto Musical vai ser o xoves 14 “coa sección de vento madeira da banda de música de Ribadeo xunto co grupo de clarinetes Ribadeo Clarinet Connection, que dirixe David Ballester. O horario será tamén ás once da noite e farase na praza 8 de marzo”, anunciou o presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro. Tamén deu a coñecer que “o seguinte xoves, día 21, correspóndelle o concerto á sección de vento metal da banda xunto co grupo Ribadeo Brass, que dirixe Rubén Solloso. Será ás once da noite na Praza de Abaixo. E, xa para rematar esta serie de concertos, o venres 29 actuará toda a banda en pleno, dirixida por David Ballester, con música de cine. Será ás once da noite no parque de San Francisco e, como está dedicado a música de cine, proxectaranse películas e a banda tocará a banda sonora deses filmes”.
A asociación Amadores da Música organiza tamén o Día do Socio, sobre o cal José Luis Pulpeiro explicou: “faise por primeira vez como tal e vai ter lugar hoxe, sábado, ás nove da noite no auditorio de Cabanela. Vai haber un concerto con música que David Ballester clasificou para esta ocasión e logo vai ter lugar unha pequena churrascada”.