Site icon Crónica3.com A Mariña

Fronte ó 2,05% da Xunta, a Deputación aproba achegar o 10,1% do financiamento para permitir a execución do PEIM en Lugo

Lugo, 29 de agosto de 2014.- A Xunta de Goberno aprobou este venres o convenio de Deputación de Lugo coa Consellería de Medio Rural e do Mar para o programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015. O voceiro provincial socialista salientou que “con esta colaboración, a Deputación financia por primeira vez o PEIM co obxectivo de permitir a súa execución na provincia logo de que a Xunta de Feijóo o suprimise durante dous anos, 2010 e 2011, negándolle ós 67 Concellos lugueses, asfixiados polos recortes dos Gobernos da dereita deste país, a posibilidade de acondicionar as vías polas que, diariamente, transcorren os veciños desta provincia, eminentemente rural. Feijóo debería explicar que fixo con este fondos europeos”.

A Deputación achega 742.000 euros a esta programación (275.300 euros este ano e 466.700 no 2015), financiándoa nun 10,1% fronte ó 2,05% que achega a Xunta de Galicia, administración cun orzamento máis de 100 veces superior ó deste organismo provincial. O PEIM contará cun orzamento total de 6,5 millóns de euros na provincia, financiados nun 75% pola Unión Europea e nun 15% polo Goberno Central.

José Luis Lolo Celeiro
A sesión aprobou o nomeamento de José Luis Lolo Celeiro, como representante da Deputación de Lugo na Fundación Galicia Obra Social. Martínez explicou que, por primeira vez, o organismo lugués ten representación nesta Fundación, logo da modificación dos seus Estatutos, que ofrecen ás 4 Deputacións galegas designar cadaseus patróns; así como ós 7 Concellos de maior poboación na Comunidade; ó Parlamento de Galicia, con 4 patronos máis; á Xunta, con outros 3 representantes, nomeados dende as Consellerías de Facenda, Traballo e Cultura; e 1 designado polos propios traballadores da Fundación. Son 19 patronos que, xunto a outros 9 de ABANCA, suman un total de 28.

Tal e como recollen os Estatutos, os patronos non poden ser persoas que exerzan un cargo por mandato representativo, nin dirixentes políticos ou representantes de organización sindicais e empresariais. Deben ser persoas con coñecementos e experiencia en materias que son obxecto da actividade da Fundación: económica, financeira, xurídica, social, cultural, científica, artística ou educativa.
A Deputación de Lugo nomea a José Luis Lolo Celeiro pola súa ampla traxectoria e vinculación con entidades sen ánimo de lucro no ámbito da asistencia social e integración de colectivos marxinais ou en risco de exclusión. Celeiro forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), de Agora (Asociación de Minusválidos da Comarca de Lemos), así como do Grupo Empresarial Galego de Economía Social, cuxo actividade se centra na creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade. Foi membro fundador da Federación de Asociación de Persoas con Discapacidade de Lugo, director do Centro de Recursos para a Discapacidade de Fingoi e Secretario de Auxilia Lugo.

Exit mobile version