Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia agarda que as obras de acceso ó porto burelés se adxudiquen en setembro

Burela, 9 de agosto de 2014. O vindeiro mércores, 13 de agosto, ás 11 horas terá lugar a firma das actas de ocupación dos terreos afectados polas obras de acceso ao porto de Burela. “Trátase de aquelas persoas ás que o proxecto realizado hai dous anos e medio lles afecta”, segundo o alcalde, José Mª González Barcia.

O rexedor explicou que “o próximo mércores, día 13, ás once da mañá vaise levar a cabo no salón de plenos da Casa do Concello a firma das actas de ocupación e todo o proceso vinculado coa expropiación dos terreos do acceso ao porto. Os interesados foron citados por escrito dende a Xunta de Galicia e aquelas persoas que no seu día xa foron obxecto de expropiación non se citan. Afecta a aquelas ás que o proxecto feito hai dous anos e medio lles ocupa terreo”.

Segundo González Barcia “é un trámite máis para levar a cabo as obras do acceso ao porto. Nestas semanas estase reunindo a mesa de contratación para a apertura dos distintos sobres coas ofertas das 22 empresas que se presentaron. Ata agora van dous sobres abertos, que son o da documentación administrativa e o da oferta económica, e queda por abrir o das características técnicas. Todo apunta a que os prazos inicialmente previstos pola Consellería de Medio Ambiente vanse cumprir; é dicir, a adxudicación da obra pode ser xa un feito a finais do mes de setembro”.

Exit mobile version