Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia reuníuse en Lugo coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para falar das obras de acceso ao porto de Burela e de urbanismo

290814 Foto reunion conselleira Burela 1Burela, 29 de agosto de 2014.- As obras do acceso ao porto de Burela darán comezo no mes de novembro, segundo as previsións que manexan Xunta e Concello. Este xoves pola tarde o rexedor mantivo unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, na sede da Xunta en Lugo xunto coa delegada territorial, Raquel Arias. No encontro falaron deste e doutros asuntos de interese para Burela.

González Barcia lembrou que “eu solicitáralle unha reunión ao pouco tempo de tomar posesión como conselleira de Medio Ambiente e o motivo fundamental era poñer ao día asuntos de Burela que son da súa competencia”. Segundo o alcalde burelés “o tema máis importante de todos é que me ratificou que as obras do acceso ao porto vanse adxudicar ao longo do mes de setembro, a tramitación administrativa coa empresa vaise levar a cabo en outubro e as obras comezarán en novembro, se non hai ningunha novidade. Ou sexa, este ano xa vai haber actividade na obra do acceso ao porto”. Para José Mª González Barcia “a conselleira é plenamente consciente da importancia do acceso ao porto de Burela para a economía local e da comarca e reiterou o compromiso da Xunta de Galicia e do propio presidente de que esa obra hai que facela”.

No encontro celebrado este xoves á tarde en Lugo Ethel Vázquez e o alcalde de Burela “tamén falamos da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo e de Xestur, para a planificación e, se cabe, posterior desenvolvemento de determinados ámbitos de actuación contemplados no plan xeral de ordenación municipal. Neste sentido a intención da conselleira é colaborar co Concello en todo o posible e recoñeceu a importancia de que Burela conte cun planeamento onde aparezan bolsas de solo industrial, neste caso dúas: unha no Perdouro e outra na zona da Puída”, relatou o rexedor. González Barcia engadiu que “tendo en conta a importancia que ten Burela en canto a elemento dinamizador da economía comarcal e provincial mostrou a súa disposición para que tanto o IGVS como Xestur poidan colaborar co Concello para esas cuestións”.

Exit mobile version