Site icon Crónica3.com A Mariña

Igualdade destina 200.000 euros ó fomento do asociacionismo e á participación das mulleres da comunidade galega

Lugo, 1 de agosto de 2014.- A Xunta destina, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, 200.000 euros para a convocatoria das axudas económicas destinadas ás asociacións de mulleres e as súas federacións. Con este proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e que se publica no día de hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Executivo galego busca actuar nun aspecto primordial para camiñar cara unha maior igualdade de xéneros.

Así se ve a importancia da suma de esforzos e do asociacionismo feminino en Galicia, primordial para o desenvolvemento da sociedade. Neste sentido, a finalidade desta liña de axudas non é outra que a de fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino promocionando hábitos de vida saudables e accións preventivas da violencia de xénero.

A modo de exemplo, cómpre sinalar que o ano pasado foron beneficiarias destas axudas 127 entidades galegas, das que 20 corresponden ao conxunto da provincia de Lugo, onde cada entidade contaba cunha media de 19 usuarias.

Liñas de subvención
As axudas distribuirase en tres liñas: consolidación do movemento asociativo; promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade; e prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas.

Poderán ser beneficiarias destas axudas previstas nesta convocatoria as asociacións e federacións de mulleres domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro e que teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social.

Como requisitos máis específicos, as entidades participantes deberán comprometerse á utilización da lingua galega, autorizar á Secretaría Xeral de Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados e xustificar que as mulleres representan, polo menos, o 90 por cento da totalidade das persoas asociadas.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas axudas abrirase maña sábado e finalizará o próximo luns 1 de setembro. As solicitudes deberan presentarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Para realizar este trámite, será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos para estes procedementos.

Exit mobile version