Site icon Crónica3.com A Mariña

Infraestruturas na Mariña: un paso adiante e dous atrás

Nestes días volven a estar na boca da xente as comunicacións da nosa comarca. Desta vez, como consecuencia do debate aberto a respecto da A-8 despois do fatídico accidente da pasada fin de semana.
Quen descoñeza a situación, podería pensar que as mariñás e mariñaos fixemos algo para merecer un castigo divino que nos impida comunicarnos con normalidade co resto das mortais, pero a realidade é que os castigos veñen das persoas que deciden como e cando se fan as vías de comunicación neste país, sexan estradas ou vías do tren. Sexan dunha ou outra cor, do PP ou do PSOE; porque sempre deciden desde Madrid o que máis nos convén aquí. E así nos vai…

Debemos lembrar que foi unha decisión política que a autovía do Cantábrico perda o sentido do seu nome á altura de Barreiros, comunicando parte da Mariña (unha parte ben pequena, por outro lado) co resto de Galiza; mais deixando o Cantábrico lucense sen poder gozar desta infraestrutura. Un capricho que pretendía ser subsanado con unha vía de alta capacidade na que entran Xunta de Galiza e goberno do Estado. Agardando estamos as mariñás e mariñaos a que saquen o proxecto do corredor Barreiros-San Cibrao do eterno caixón dos proxectos e a que volvan unhas eleccións para que as máquinas se poñan á altura de Xove a arrincar os piñeiros que xa asoman no trazado entre San Cibrao e Ferrol.

E mentras seguimos agardando, miramos tamén como unha liña de Feve, infrautilizada e inadaptada ás necesidades da comarca, serve para facer un bonito percorrido turístico; pero non para ir ao Hospital ou para achegar un ramal a Alcoa. Miramos como o peixe dos nosos portos, que tantos centos de millóns moven ao ano, seguen saíndo polas mesmas estradas que hai vinte anos; co esforzo en canto a competitividade que iso lle supón ao sector pesqueiro mariñao.

E así agardamos, tecendo e destecendo. Asistindo (figuradamente, porque o BNG manifestábase coas veciñas e veciños polos accesos da autovía e o seu trazado no día de autos) a inauguracións a bombo e platillo de vías que se converten en trampas mortais. A aperturas e peches da autovía varias veces ao día en función de se hai néboa ou sopra o vento. Acaso non foron capaces de comprobar as inclemencias meteorolóxicas no momento do deseño do trazado? Tamén os deseños dos trazados son decisións políticas, que executan técnicos, pero que autorizan e son responsabilidade da política ou político de turno.

Preténdese agora vender como solución óptima que a autovía permaneza pechada máis tempo do que pase aberta. Volver mandar o tráfico por unha N-634 que nin está en condicións de soportar o tráfico que terá nin é unha vía de comunicación axeitada para unha comarca co peso demográfico e económico que ten A Mariña en pleno século XXI. Eso si, como ben anunciaba o Partido Popular nos días próximos á inauguración, facilítannos a saída cara a España e Europa. Quizais ese sexa o futuro que pretenden para nós.

Penélope botou vinte anos desfacendo de noite o que facía de día. A Mariña, botou vinte anos esperando pola A8 e non pode agardar outros vinte anos, porque xa son demasiados os pasos atrás que nos obrigan a dar.

Ana Ermida.

Exit mobile version