Site icon Crónica3.com A Mariña

Izadas as bandeiras azuis do Barco Museo Reina del Carmen, aula Gaia e o Sendeiro Azul durante a XXX Festa do Bonito

Burela, 2 de agosto de 2014. No día grande do primeiro fin de semana de agosto en Burela, na xornada na que se celebra a XXX Feira do Bonito, o alcalde, José Mª González Barcia, e a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, asistiron este sábado á proxección de dous audiovisuais sobre a guerra do bonito, da que se cumpre o vinte aniversario.

A mediodía tivo lugar a recepción en barco museo Reina del Carmen a autoridades e invitados, procedeuse á entrega ao Concello dos galardóns bandeira azul que recibiron o barco museo, a aula de educación ambiental Gaia e o sendeiro azul que conseguiron este ano, por primeira vez, os paseos marítimos de Burela. O rexedor lembrou que “o barco museo Reina del Carmen conta con bandeira azul, de xeito ininterrumpido, desde o ano 2002 e que Gaia, creada polo Concello en 1998 conta con bandeira azul desde o ano 2000”.

González Barcia destacou “o enorme traballo desenvolvido a favor do medio ambiente e a sostibilidade que se ven facendo desde 1995, o esforzo por unha formación sostible da persoa desde a infancia coas actividades de Gaia, e grade importancia de que as xeracións presentes e futuras coñezan a fondo a vida do mar e das distintas artes de pesca e os seus efectos, a través deste barco museo”.

O alcalde de Burela engadiu: “os premios que hoxe reciben son o resultado das políticas medioambientais activas que se puxeron en práctica durante os anos 1995, 1996 e 1997 e que tiveron continuidade no tempo. Grazas a todas as persoas que ao longo destes años traballaron e colaboraron para que isto sexa hoxe, en 2014, unha realidade co convencemento de que queda moito por facer, pero estamos na boa liña”.

Exit mobile version