Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 2.000 establecementos galegos participaron xa na campaña ‘Máis que comercio!’ nos seus 5 primeiros meses

Santiago, 25 de agosto de 2014.- Máis de 2.200 establecementos galegos participaron xa na iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que botou a andar o pasado mes de marzo. Nos seus cinco primeiros meses de funcionamento esta campaña de dinamización comercial coa que a Xunta reforza o comercio de proximidade ao tempo que incentiva as vendas nas vilas e cidades galegas rexistrou xa máis de 170.000 participacións de clientes.

Nesta iniciativa, que chegou xa a centros comerciais abertos de 22 vilas e cidades galegas e que continuará a percorrer Galicia durante todo o ano, celebrándose durante un mes en cada centro comercial aberto participante, os clientes dos comercios asociados aos CCAs reciben por cada 5 euros de compra un cupón para participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com, no que, votando ao seu establecemento favorito, poden conseguir diferentes agasallos e premios en metálico para mercar no pequeno comercio.

A campaña Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que neste mes de agosto se está a celebrar nos centros comerciais abertos de Chantada, Arteixo, Melide, e Ribadavia, así como no centro comercial aberto Rúa Barcelona, na Coruña, inclúe en cada CCA un premio en metálico de 200 euros e outros dous de 100, ademais de outros agasallos achegados polos propios comerciantes. Ao final de cada mes, o establecemento escollido polos clientes en cada localidade recibe un recoñecemento público ao seu labor.

O obxectivo que persegue a Consellería de Economía e Industria con esta iniciativa, é, por unha parte, dinamizar a actividade comercial, e ao mesmo tempo, resaltar os valores do pequeno comercio, como a proximidade, a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade. Do mesmo xeito, a iniciativa supón un impulso ao asociacionismo, apoiando o traballo que levan a cabo os centros comerciais abertos, que desenvolven estratexias comerciais de forma conxunta no pequeno comercio, e son clave para mellorar a súa competitividade.

O apoio ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica de impulso ao sector comercial que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, que leva destinado no que levamos de ano 10 millóns de euros a diferentes programas centrados en eidos que inclúen tamén o emprendemento e a apertura de novos establecementos comerciais, a innovación ou a potenciación das prazas de abastos como líderes na venda de produto fresco e de calidade.

Dentro desta estratexia, ata o 1 de setembro poden solicitarse as axudas do primeiro programa de renovación do tecido comercial galego, que impulsa con 3 millóns de euros a transmisión xeracional e a posta en marcha de iniciativas innovadoras no sector, potenciando a adaptación do comercio de proximidade galego ás novas demandas dos consumidores e mellorando a súa competitividade ao tempo que se garante a continuidade do saber facer, a calidade e a profesionalidade que o caracterizan. O programa inclúe tamén apoios para o sector artesán, no marco do novo Plan de Artesanía de Galicia.

Exit mobile version