Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 80 persoas galegas con discapacidade contan cun asistente persoal para desenvolver o seu plan de vida

28 de agosto de 2014.- A asistencia persoal é unha prestación económica que se lle concede a persoas en situación de dependencia co fin de que poidan promocionar a súa autonomía persoal, a través da toma de decisións que desenvolvan o seu plan de vida dunha maneira máis autónoma posible dentro das súas posibilidades.

O obxectivo da asistencia persoal é que a persoa en situación de dependencia poida xestionar o seu proxecto de vida, posibilitando a súa permanencia no domicilio e entorno social elixidos. Isto é posible coa contratación dun profesional, que é o asistente persoal, que vai facilitarlle á persoa dependente o acceso á educación e ao traballo, así como a unha vida autónoma no exercicio das actividades básicas da vida diaria. Por exemplo, a asistencia persoal permite á persoa tomar as súas propias decisións como: decidir a que hora levantarse, que comer, ter a oportunidade de desfrutar do lecer, de asistir a cursos, poder acceder ao mundo laboral, formar unha familia, ser pai ou nai e de ter os apoios necesarios para levar o seu proxecto de vida adiante.

Actualmente, en Galicia hai máis de 80 persoas que están a beneficiarse da asistencia persoal. Para poder facelo, teñen que estar en situación de dependencia valoradas con algún Grao e deben solicitar na Consellería de Traballo e Benestar o seu PIA (Programa Individual de Atención) o recurso de Asistencia Persoal, que será contestado a súa aprobación ou non, vía correo postal.

COGAMI é unha das entidades que dende o ano 2008 presta servizos que xestionan a asistencia persoal. Actualmente conta cunha bolsa de 53 persoas beneficiarias do recurso de asistencia persoal (24 da provincia de A Coruña, 8 da de Lugo, 2 de Ourense e 19 en Pontevedra) e para prestarlle servizo a estas persoas, COGAMI dispón a contratación de máis de 70 asistentes persoais con e sen discapacidade.

Dentro das tarefas que realiza un asistente persoal están as persoais, que serían dende colaborar no aseo, ata vestir, levantar da cama, axuda ás necesidades fisiolóxicas, axuda para comer, beber, espirse e deitarse, preparación e toma de medicamentos. Atender o teléfono, tomar notas, pasar páxinas etc.

Outras tarefas están relacionadas coas labores do fogar, que van dende a limpeza da propia vivenda, pasando por facer as camas, ordenar a roupa, utilizar os electrodomésticos, facer a comida, etc. Tamén realiza tarefas de acompañamento tanto na casa, como no traballo, na rúa para realizar xestións bancarias, compras no supermercado, ou acompañar nas vacacións. A condución dun vehículo, a interpretación de sistemas comunicativos ou a planificación de actividades son outras das tarefas que realiza un asistente persoal.

Exit mobile version