Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela valora positivamente os datos de asistencia á Feira do Bonito e a Produart a pasada fin de semana

Burela, 5 de agosto de 2014. José María González Barcia, alcalde de Burela, valorou este martes de maneira “moi satisfactoria” os datos de asistencia recollidos o pasado fin de semana en Burela, tanto na Feira do Bonito como en Produart. Barcia afirmou que o cambio de horario na degustación do bonito funcionou e adiantou que a maioría de expositores de Produart xa solicitaron reserva de espazo para participar de novo na vindeira edición desta feira artesanal e ecolóxica en 2015.

O rexedor sinalou que “a valoración que facemos dende o goberno municipal deste primeiro fin de semana de agosto, que se ten constituído coma un dos referentes xa non para a nosa localidade, senón para o conxunto de toda a comarca, é altamente satisfactoria”. González Barcia afirmou que “unha vez máis a Feira do Bonito ten demostrado o seu tirón. A proba que se fixo sobre trasladar a súa degustación dende a última hora da tarde coma se facía antes, ata mediodía parece que funcionou. E isto non o dicimos nós, senón que o di a propia organización. Polo tanto, no que se refire a trixésima edición da Festa do Bonito, creu que saíu todo tal e coma estaba previsto.”

Sobre Produart, o alcalde manifestou que “un ano máis este evento ten demostrado tamén o seu tirón. Aínda que os artesáns igual non tiveron tantas ventas, o que si é certo é que os postos e expositores destinados a produtos de alimentación saíron francamente contentos. Segundo as valoracións que nós recollemos o último día da feira a maioría dos expositores estaban francamente satisfeitos e moitos deles, practicamente todos, pediron reserva de espazo para o 2015”.

José Mª González Barcia cre que “a hostalería funcionou de forma máis que aceptable durante todo o fin de semana e a presenza de xente en Burela foi notable e notoria. Por tanto, dende o Concello o que temos que facer é recoñecer o traballo feito para que todo isto fose así. Por un lado agradecerlle a Ledicia unha vez máis o seu esforzo para sacar adiante a Festa do Bonito, e por suposto a eses máis de cen colaboradores voluntarios que fan posible que a festa sexa o que é. E por outra parte, agradecerlle tamén aos expositores que estiveron presentes en Produart a súa presenza en Burela durante o fin de semana.”

O alcalde resaltou que “dende o Concello, como dende a propia fundación Expomar, seguiremos traballando cóbado con cóbado coas persoas e entidades que organizan estes eventos para que o vindeiro ano poidamos repetir o éxito, que sen dúbida houbo este ano.”

Exit mobile version