Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz destaca a gran cantidade de actividades e visitantes que houbo o pasado mes augurando mellores expectativas para agosto

Foz, 1 de agosto de 2014. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, realiza un balance moi positivo do mes de xullo en Foz, xa que a ocupación chegou a máximos que nunca antes se rexistraran. E destaca a intensa axenda de actividades culturais e deportivas que se desenvolveron durante estes trinta e un días. As expectativas para agosto tamén son moi boas.

O rexedor realizou unha valoración “moi boa do que foi xullo en Foz: un mes moi activo, de moitas actividades e eventos, un mes que discorreu con absoluta normalidade. Desde o primeiro ata o último día tivemos infinidade de actividades e de movemento por parte das asociacións, houbo moitas festas e todo saíu moi ben”.

Castiñeira indicou que “a ocupación do pobo estivo ao máximo, coma nunca tivo este concello. Nisto inflúen moitas cousas coma as novas conexións por autovía que temos, tanto cara Asturias coma cara a Meseta e Lugo. Son un canal importante para o verán de Foz, para os pobos do centro da Mariña, que se ven moi ben comunicados”.

Sobre as expectativas para o recén estreado mes de agosto o alcalde declarou que “son mellores incluso. Empezamos cunha fin de semana chea de eventos, hai festas en tres barrios ou parroquias do noso concello: Fondás, temos tamén a festa anual dos veciños de Vilaxoane e festa en Nois. Hai varios eventos deportivos coma o bautismo náutico, unha iniciativa nova na Mariña coa que os rapaces poderán gozar dun día en moto náutica gratis; temos unha concentración de caravanas na Volta a Galicia, que fai a súa parada en Foz, nun dos puntos máis importantes da comunidade, segundo os propios caravanistas; hai dúas exposicións no Cenima, …”.

Javier Castiñeira dixo que “estamos contentos de que isto siga así, de que o verán de Foz siga a ser unha referencia. E queremos darlles as grazas a todos os que participan, tanto comisións de festas como asociacións e organizacións que fan posible que o noso concello sexa moi activo, rexistre moito movemento”.

O alcalde tamén aludiu “ao encontro de corais galaico-astur, organizado pola Coral de Foz, que será mañá ás 19:30 horas. Atrae a moita xente e conta cunha grande calidade musical. Agardamos vervos a todos na Sala Bahía de Foz acompañando aos nosos amigos da Coral de Foz, que un ano máis seguen mantendo este encontro como referencia das corais no noso concello e na Mariña. Moita sorte para todos eles e animarvos a todos a participar nesta cita”.

Exit mobile version