Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz e o presidente da Acia inauguraron este xoves a II Feira de Mostras e Salón do Automóbil que se celebra no porto ata o vindeiro domingo

280814 Foto feira mostras Foz 1Foz, 28 de agosto de 2014.- Este xoves á tarde abriu as súas portas en Foz a II Feria de Mostras e Salón do Automóbil, que poderá visitarse ata o vindeiro domingo, 31 de agosto. O evento está organizado por Conoce Ferias, a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz, o Concello e a Deputación de Lugo.

No acto de inauguración, que tivo lugar esta tarde, o presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, sinalou que “un ano máis estamos moi contentos, temos que dar as grazas dobremente á xente que apostou tanto este ano coma o pasado por acompañarnos e estar en Foz dando a coñecer as súas actividades e produtos. Estamos encantados de rematar o verán cun evento deste tipo” e subliñou que “para a Asociación de Comerciantes é unha oportunidade única posto que xogamos na casa, entón o que queremos é promocionarnos non só desde Foz, senón desde A Mariña cara ao exterior”.

E o alcalde, Javier Castiñeira, dixo que “esta é unha feira importante non só para Foz, senón para toda A Mariña. Está nun sitio ideal, as instalacións do porto son moi axeitadas para a celebración de eventos deste tipo e nunha localidade na que estamos a tope de ocupación, a pesares de atoparnos na recta final do verán”. O rexedor manifestou que “estamos moi contentos de cómo está a saír este verán de 2014, creo que esta é unha forma de culminar o mes de agosto en Foz coa celebración dunha feira de tanta envergadura, con tantos expositores e con tantos visitantes como imos ter, proba diso foi o éxito absoluto da edición do ano pasado, e coa XXIX Feira do Libro pechamos o mes de agosto, con ese ritmo que tivemos en Foz de tantas e tantas actividades culturais ao longo destas semanas”.

Cen expositores se dan cita na II Feira de Mostras e Salón do Automóbil que se celebra en Foz. Ao acto de inauguración, que contou coa actuación musical de A Subela, asistiron o xefe territorial de Presidencia, José Manuel Rozas; o deputado autonómico mariñán Vidal Martínez Sierra; o coordinador da Área de Mar na Mariña de Lugo, Pablo Fernández Asensio; o deputado provincial responsable de Economía do Coñemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano; o presidente da asociación provincial de empresarios de hostalería, Cheché Real; os concelleiros de Cultura e Turismo, Ánxel Paleo e Maite López; así coma outros edís da Corporación Municipal de Foz.

Exit mobile version