Site icon Crónica3.com A Mariña

O ascensor panorámico de Ribadeo efectuou desde a súa inauguración 235.000 arrincadas

Ribadeo, 5 ade agosto de 2014. O ascensor panorámico, situado no porto ribadense, efectuou desde a súa inauguración 235.000 arrincadas. Os datos deunos a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez, que subliñou que o gasto do elevador no que vai de ano, deste 2014, ascende a 3.100 euros.

Suárez Barcia referiuse “ás declaracións que recolle hoxe un medio de comunicación sobre o custo supostamente elevado do ascensor panorámico de Ribadeo, teño que dicir que tanto o que di UPRI coma o PP, para nada é certo. E é máis, aí están os datos que demostran o que se gastou e o que custou o mantemento do ascensor no ano 2013 para ver un período dun ano enteiro. Aí se ve que aproximadamente son uns cincocentos e pico euros de custo ó mes, incluído o subministro eléctrico, a limpeza, o mantemento do ascensor, etc”. No 2013 o mantemento do elevador supuxo un custe de 1.883 euros, a limpeza 360 euros e a luz 4.450 euros. En total foron 6.693 euros.

O rexedor sinalou: “son coñecedor e recoñezo que foi unha infraestrutura polémica no seu momento, pero agora, unha vez feita, pareceríanos un absurdo prescindir dela. Sobre todo porque ten un reclamo turístico importante en Ribadeo nestes últimos anos. Ribadeo está destacando pola súa atracción turística, o noso concello é un imán que atrae moita xente e o ascensor realmente é un reclamo que moitos turistas, sobre todo xente de fóra, visita durante todo o ano”. Fernando Suárez pensa que “os compañeiros da oposición que están desgustados, primeiro deberían saber exactamente o custo para logo criticar”. No que vai deste ano 2014 o custe do ascensor panorámico está en 3.100 euros: 640 euros en mantemento, 200 euros en limpeza e 2.250 euros en luz.

Exit mobile version