Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ó goberno local de ocultar as razóns polos retrasos na posta en funcionamento do saneamento e estación depuradora de San Cibrao

Cervo, 1 de agosto de 2014. O BNG volveu reclamar ao goberno local explicacións polos retrasos na posta en funcionamento da EDAR e rede de saneamento de San Cibrao sen recibir unha explicación clara e concisa por parte da alcaldía que segue botando balóns fora sen asumir responsabilidades nunha obra rematada ao 100% que segue sen actividade e causando prexuízos tanto medio ambientais como de imaxe do concello.

Para o BNG o goberno local oculta as verdadeiras razóns polas que unha obra totalmente rematada non se pon en funcionamento despois de anos de tramitación, dúas modificacións dos proxectos e obras que agora están totalmente rematadas.

Os nacionalistas acusan ao goberno local de inacción por ter paralizado un servizo esencial para a mellora medio ambiental e da imaxe do concello que recibe un ano mais milleiros de visitantes que ven como os vertidos de augas residuais sen depurar ao mar seguen sendo un problema sen resolver.

O BNG lamenta a falta de contundencia do Partido Popular no goberno local con aquelas administracións nas que gobernan – Xunta e Goberno do Estado – , ao tempo que están obsesionados por buscar a confrontación política coa única administración na que non gobernan – a Deputación de Lugo – á que reclaman con insistencia mentres obvian problemas cuxa competencia está en Santiago ou en Madrid.

O acceso ao polígono de Cuíña que Cacharro deixou morrer sen que ao goberno local lle saltaran as alarmas
A pesar de que se trata dunha obra que debera estar rematada durante a época do goberno provincial do PP, se atendemos aos prazos de execución do proxecto, o BNG apoiou a moción de urxencia presentada polo PP para impulsar a execución dun novo acceso ao Polígono de Cuíña, matizando que “unha vez mais vemos como o goberno local estivo calado cando a paralización foi responsabilidade do goberno provincial do PP en contraste coas présas e a contundencia coa que agora reclaman a mesma actuación.

Exit mobile version